Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo un estudo da UOC

Unha grande parte dos cataláns votaría, hoxe en día, a favor da independencia

Máis da metade dos enquisados tamén quere que a administración catalá recade todos os impostos.

Redacción - 10:00 26/05/2008
Sede da UOC

Sede da UOC

Segundo a enquisa Lingua e identidade en Cataluña 2008 (Llengua i identitat a Catalunya 2008), cuxos resultados fixo públicos a pasada semana a UOC, a maior parte dos cidadáns cataláns votarían a favor dun referendo no que se decidise a independencia do país. Ademais, o informe revela que as cifras de falantes de catalán tamén medraron: en dez anos son 838 mil persoas máis.

A enquisa aplicouse a unha mostra de 1.108 persoas, co fin de coñecer os usos lingüísticos da poboación catalá, o coñecemento da lingua, aspectos de identificación territorial e o posicionamento nalgunhas cuestións políticas. Como se emprega a mesma metodoloxía que na primeira enquisa, feita en 1998, pódese seguir a evolución sociolingüística destes dez anos.

Con respecto á identidade nacional, pouco máis dun 30 por cento dos enquisados declara que se sente tan catalán como español; algo máis do 22 por cento séntese só catalán; e o 19 por cento séntese máis catalán que español.

O 36,5 por cento dos enquisados declarou que votaría a favor da independencia se houbese un referendo; un 22,1 por cento votaría en contra, e un 27,1 por cento absteríase.

A maior parte dos enquisados tamén está a favor de que sexa Cataluña quen organice os seus propios transportes (57,6%); que o catalán sexa a lingua oficial e de traballo na UE (54,8%); que a administración catalá sexa a que recade e decida a distribución dos impostos (49%); e que as seleccións deportivas catalás poidan xogar partidos internacionais oficiais (39,3%).


4,91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: