O presidente vasco acusa ao español de pensar só nas eleccións anticipadas. Zapatero vincula calquera acordo ao consenso entre todos os partidos.
O agardado encontro entre o presidente vasco, Juan José Ibarretxe, e o español, José Luis Rodríguez Zapatero, serviu de pouco. Logo de máis de dúas horas de xuntanza, non houbo ningún tipo de acordo entre as dúas partes. Ibarretxe puxo enriba da mesa a consulta soberanista que propón que se celebre o vindeiro 25 de outubro, para logo negociar un novo marco dentro do Estado Español. Segundo Ibarretxe, o presidente español estivo en todo momento á defensiva e que só propón eleccións anticipadas como xeito de resolver a situación. O lehendakari subliñou que a súa intención era conseguir un pacto que acabase coa violencia de ETA e ao mesmo tempo contemplase o dereito a decidir do pobo vasco.
Pola súa parte, o presidente español sinalou que as “cousas quedaron claras”, en referencia á oposición total do Estado a unha consulta popular en Euskadi. Rodríguez Zapatero sinalou que o seu goberno aposta por “consensos” nos que estean os partidos nacionalistas e as forzas estatalistas. Ademais tamén di que calquera acordo ten que respectar tamén a constitución española.
Aínda que Ibarretxe sinalou que deixa a porta aberta a novas conversas e que o acordo aínda é posíbel, mantén a data para o referendo. O presidente vasco é consicente de que a consulta non é vinculante pero si que sentará un importante precedente histórico dende un punto de vista “político, social e democrático”