Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Borrador completo antes do verán

Os tres grupos xa consensuaron un terzo da reforma do regulamento parlamentario

A modificación da norma imposta en 1993 pola maioría absoluta de Manuel Fraga, incluiría agora a posíbel publicación das declaracións da renda dos deputados.

Redacción / Ep - 09:00 19/05/2008

Optimismo nos tres grupos parlamentarios ao respecto da negociación do novo regulamento do Parlamento. Até o de agora, os representantes dos grupos no relatorio que elabora o texto, Xesús Palmou (PP); Pablo López Vidal (PSOE) e Tareixa Paz (BNG), foron quen de consensuar perto dun terzo do texto. Todos eles destacan o clima do entendemento, e confían en que antes de marcharen de vacacións en agosto estea listo un borrador completo.

Un dos puntos sobre os que se debate é a posibilidade de esixirlles aos deputados a presentación pública da declaración da renda todos os anos, para demostraren que non se están a enriquecer máis alá do que perciben pola súa dedicación parlamentaria, segundo se estabelece no borrador de reforma. O documento sería actualizado cada ano na web do Parlamento. Con todo, os servizos xurídicos aínda non determinaron se entra en conflito coa Lei de Protección de Datos. En todo caso, si se poderá acceder a través de internet ás declaracións de interese e de patrimonio, ao igual que xa se poden ver os soldos dos parlamentarios.

Obstáculos ao transfuguismo
Por outro lado, episodios como o da recente ameaza do PP de dividir en dous o seu grupo para distorsionar a elección dos senadores por designación autonómica, non serían posíbeis de ir adiante a reforma nos términos en que se está debatindo.

Os tres grupos estarían deseñando unha forte "blindaxe" contra posíbeis casos de transfuguismo. Trátase de impedir que varios deputados poidan irse do seu grupo para constituír un novo que represente un partido que non obtivo representación nas eleccións. Ademais, crearíase un grupo de non adscritos, no que os seus integrantes perderían varios dos dereitos parlamentarios.

Tamén se falou de dotar dun maior peso político a Xunta de Voceiros, que cando se aprobe o novo regulamento poderá emitir declaracións institucionais. Nesta liña de concederlle maior protagonismo, terá capacidade de decisión en asuntos do día a día interno do Parlamento, e poderá emitir a súa opinión sobre os orzamentos do Lexislativo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: