Cre que esta xornada debería repercutir nunha actitude máis comprometida por parte de toda a sociedade.
"O Día das Letras é todos os días, para unha persoa que está comprometida con ela e que o utiliza os 365 días. A nivel social é unha data con moito simbolismo, aínda que debería repercutir nunha actitude máis comprometida por parte de toda a sociedade.
Este ano a organización á que pertenzo e eu celebrarémola na manifestación que se fai o día 18, pero o noso compromiso continuará o resto do ano. Penso que esta data debería superar dous aspectos: a función personalizada de conmemorar a unha única figura das nosas letras ao ano e a de que teña lugar tan só un día. Por parte das administracións, colectivos sociais e medios de comunicación debería haber unha actitude máis comprometida co uso da lingua. É lamentábel que a día de hoxe se use o galego de xeito anecdótico este día e non se faga un traballo constante o resto do ano.
O Día das Letras debería significar unha loita diaria para que o galego recupere as esferas social, política e administrativa que lle foron arrebatadas e coas que deberían contar todas as linguas".