Volve a frenética actividade á Liga Nacional de Billarda, despois de bebelo todo polo Xerro do Salnés, que se xogou hai quince días.
Esta fin de semana volve á súa frenética actividade a Liga Nacional de Billarda (LNB), despois da explosiva entrega do Xerro do Salnés, onde o Sur terminou co Norte na pista da Capela das Angustias de Xil (Meaño).
Agora a serpe multicolor billardeira colle impulso para afrontar o último asalto da liga regular nas dúas conferencias que a teñen (Conferencia NorOeste e Conferencia NorLeste). Os mellores de cada unha hanse ver as caras na finalísima que se ha desenvolver en Compostela o vindeiro 8 de xuño.
E mentres, que andan a facer as conferencias?
Na Conferencia NorOeste andan a preparar a lona para disputar, este domingo a partires das 17:00 horas, a última xornada da súa liga regular, baixo as uralitas da pista da Zapateira, na Coruña.
Do lado dereito, na Conferencia NorLeste están, ao tempo, e guiados polo espírito bravo e indomábel do grande palanador das terras do Sur, Camiña (que protagoniza o cartaz de aquí ao lado), preparando todo para despregarse o sábado 10 de maio na pista de Ove (Ribadeo). Haberá un espectacular acompañamento de luz e son na finalísima, que se ha desenvolver a partires das 20:30 horas cos 16 clasificados, que se baterán en duelo loitando polo pasaporte para Compostela.
E despois de suar, chega a festa, no cantón de Ribadeo coa actuación do grupo de folk-pop da Veiga Darbukka. Tamén se han entregar os premios nunha explosiva cerimonia presentada polo poeta salvaxe e gran estrela de Tele-Varal, Juan Pico.
Todo isto co Varalmorse disparando, en tempo real dende as pistas en xogo, o nome dos clasificados. Se queres sabelo todo, escribe no navegador http://ovaralmorse.blogaliza.org/.