A ex ministra portuguesa, Elisa Ferreira, insiste na necesidade dun "poder intermedio entre o Governo e as Câmaras Municipais".
Moitas son as voces que ao outro lado da raia, e mirando cara a Galiza, reclaman dende hai tempo un proceso de rexionalización no país como única saída para conseguir que o Norte de Portugal converxa coa UE.
Entre estas voces atópase a da eurodeputada do Partido Socialista e ex ministra portuguesa do Ambiente e mais do Planeamento, Elisa Ferreira, que esta semana -nun artigo publicado no Jornal de Notícias- volvía insistir na necesidade de crear un "poder intermedio entre o Governo e as Câmaras Municipais".
Afirma Ferreira que a actual organización centralizada do país non permite potenciar o desenvolvemento do Norte: "algo fundamental separábanos do proceso de cooperación (...); feito o diagnóstico dos problemas e definida a estratexia de actuación, a Galiza concretaba, en canto que os funcionarios públicos da Região Norte elaboraban propostas competentísimas que enviaban para Lisboa coa esperanza de que alguén as tomase en conta..."
Poucos días antes, nunha conferencia organizada pola Associação Teatro Construção, a que podería liderar a candidatura socialista á Câmara Municipal do Porto considerou que no proceso de rexionalización, Portugal "está atrasado perto de tres décadas" con respecto a outros países.
Carencia de estatísticas rexionais
"Cando o Norte iniciou a cooperación coa Galiza, (en 1991), tiñamos unha influencia enorme", sinalou Ferreira. "No entanto, en poucos anos esa posición inverteuse e hoxe pasounos completamente, sendo o rendemento por habitante no Norte de Portugal o 65% do de Galiza", engadiu.
Por outra banda, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), Carlos Lage, criticou recentemente a "manifesta carencia" de estatísticas sobre a rexión dende 2006, ano en que o Instituto Nacional de Estatística (INE) deixou de publicar datos rexionais.