A Consellaría de Medio Rural aproveita o partido para convidar os cativos e cativas dos concellos da zona baixo o lema "Xogamos polo rural".
Esta sexta feira ás 21:00 horas no Sar han xogar os dous únicos equipos do baloncesto galego na LEB Ouro no que podería ser un anticipo do futuro duelo nos cuartos de final do play-off de ascenso, posto que ámbolos dous están no grupo dos oito mellores clubes deste tempada.
O partido foi aproveitado pola Consellaría de Medio Rural para organizar unha serie de actividades para os máis novos, ademais da asistencia ao derbi, baixo o lema "Xoguemos polo rural", nas que tamén están implicados os dous clubes.
A loita por subir á ACB
Aos dous equipos aínda lles quedan por xogar dúas xornadas na Adecco LEB Ouro nas que aínda moito está por decidir: a primeira praza, a quinta, que dá vantaxe de cancha no play-off (no caso de ter que ir a tres partidos, dous deles xogaríanse na cancha do quinto clasificado), o pase a cuartos de final e, para algúns, a permanencia.
Os dous equipos galegos están xa nos cuartos de final e xogan esta quinta un contra o outro na cancha do Beirasar Rosalía. Polo de agora o Breogán vai de cuarto e os composteláns de sétimos. A última xornada (a vindeira sexta feira 16 de maio) os lugueses xogan na casa contra o Tenerife Rural, e o Rosalía visita ao Ciudad de la Laguna Canarias, que no último partido venceu só de cinco aos composteláns.