Con 'Kara.o.ke', o seu segundo traballo, recunca na súa teima de facernos bailar... en galego.
Baixo os eucaliptos foi unha bomba hai dous anos; dende a nada, un disco gravado na casa foi descargado da Regueifa Plataforma milleiros de veces, en Galiza e en Portugal, acadando cifras que lle terían proporcionado varios discos de ouro galegos. En parte puxo sobre a mesa a realidade dun país non normalizado, no que resultaba insólito escoitar música de baile en galego, cancións sen máis obxectivo que o ritmo, a diversión e contar pequenas historias.
Agora Projecto Mourente regresa con Kara.o.ke, un segundo álbum que se move polos mesmos camiños, como demostra o vídeo que presenta o disco. Unha hora de música de baile, con influencias moi claras, a cabalo entre os anos oitenta e noventa, e radicalmente moderno, con temas como Cobro em B, Nom tes cargo, Por diante e por atrás, Controla-te, Os piores inimigos ou ChuliBoy. O disco poderase descargar a vindeira semana na Regueifa Plataforma, uns días antes do 17 de maio, e chegará ás tendas a semana seguinte. Quen dixo que en Galiza non se bailaba?