Quintana apela ao consenso das forzas políticas para reformar a comisión e mellorar o seu funcionamento.
Estraño escenario o que se debuxa este xoves no Parlamento diante da convocatoria realizada polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, aos grupos parlamentarios, co obxectivo de analizaren a proposta do Goberno para a reforma do regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación entre o executivo galego e o español.
O grupo parlamentario do PSdeG xa anunciou que non acudirá á reunión, e o seu voceiro, Ismael Rego, expuxo ao respecto que os socialistas consideran que a comisión tal e como está regulamentada agora mesmo "funciona ben e en positivo". De parecida opinión é o PPdeG, malia que pola contra, o voceiro dos populares, Manuel Ruíz Rivas, asegurou que o seu partido acudirá á xuntanza porque "non sería correcto nin oportuno rexeitar o diálogo". De xeito específico, o PPdeG oponse a que esta vía sirva para negociar a revisión do financiamento autonómico, tal é como propón o BNG.
Un instrumento que pode ser máis efectivo para Galiza
"Non hai que modificar ningunha peza fundamental do ordenamento, xa que cun esforzo de cooperación política podemos dotarnos dun instrumento de negociación como o doutras comunidades autónomas", propoñen desde a Vicepresidencia da Xunta en referencia ao mecanismo adoptado por Cataluña.
Nese sentido, a reunión deste xoves pretendía expoñer as posibilidades de reforzar a comisión Xunta-Estado no sentido de situar as relacións de Galiza co goberno español "ao mesmo nivel" que Cataluña. Segundo Anxo Quintana, a comisión podería servir para a negociación de "elementos vitais e decisivos para Galiza", tal e como son as claves do novo financiamento autonómico ou o seguimento da execución das infraestruturas estatais. O vicepresidente da Xunta pretendía conseguir neste campo "un acordo amplo" entre as forzas parlamentarias similar ao que se obtivo para remitir ao Congreso a proposición de lei para reclamar a transferencias en materia de tráfico e seguridade viaria.