Os traballos céntranse en decidir os nomes dos responsábeis provinciais. Mentres, xa se barallan nomes como Coalición por Galicia ou Converxencia Galeguista.
Terra Galega e Partido Galeguista están a piques de pechar un acordo electoral de cara as vindeiras eleccións autonómicas. Os promotores da iniciativa queren presentar no mes de xuño o proxecto diante da opinión pública. Antes hai que atar os últimos cabos soltos. O principal punto que falta por pechar é decidir o nome dos responsábeis provinciais da nova formación, estes mesmos serían os encargados de liderar as listas ao Parlamento, e eis a principal discrepancia. Porén, representantes das dúas formacións consideran que, aínda que proseguen as conversas, o pacto é practicamente seguro.
O último paso antes da presentación pública do proxecto pode ser o congreso de Terra Galega, que se celebrará o vindeiro 14 de xuño. A formación que lidera o ex conselleiro Pablo Padín e o alcalde de Narón, Xoán Gato, deberá referendar a decisión da dirección de acudir coaligados co Partido Galeguista.
O nome co que se concorra aos comicios vai ser case o último punto que se decida. Porén, xa se barallan algunhas fórmulas como Coalición por Galicia, Coalición Galeguista ou Converxencia Galeguista
Coa ollada posta en CiU
Os dirixentes consultados por este xornal coinciden en que o modelo que se busca imitar é o de Convergencia i Unió (CiU), dúas formacións autónomas pero con vontade de permanecer no tempo como socios electorais: “Isto non é unha coalición coxuntural, se fose así non pagaría a pena tanto esforzo”, sinala unha das persoas que forma parte da negociación. A formación resultante, segundo os seus promotores, ocuparía o espazo ideolóxico do centro nacionalista: “Isto é algo que temos claro. Non somos separatistas pero tampouco se nos pode definir como autonomistas”.
Rabuñar votos a un PPdeG en caída
En TeGa e no PG consideran que nas vindeiras eleccións autonómicas se poden dar as condicións idóneas para dar o salto ao Parlamento. Aínda que confesan que é difícil alterar unha Cámara tripartita, coidan que nesta ocasión hai novos elementos para a esperanza, o principal unha posíbel perda de votos do PPdeG “pola súa póla máis autonomista”. Segundo esta tese, “o lóxico é que estes votos pasen por nós e non que vaian directamente cara o BNG ou o PSdeG”.
Os centristas amárranse aos resultados dos últimos comicios municipais para alimentar a esperanza de colocar algún representante no Pazo do Hórreo. Nesas eleccións sumaron entre as dúas forzas preto de 54 mil votos (3,7% dos votos emitidos). Os máis optimistas consideran que unha boa campaña pode dar como froito tres escanos (A Coruña, Lugo e Pontevedra). Porén, os máis realistas confesan que o simple feito de obter un deputado serviría para asentar unha opción aínda fébel orgánica e territorialmente.