Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EDICIÓN ESPECIAL DO POEMA DE IGOR LUGRIS

'A minha língua quero na tua boca...'

O poeta estabelecido no Bierzo insire os seus versos en obras da cultura popular e espállaos polo país nunha edición limitada.

Marcos S. Pérez - 12:00 07/05/2008

Imaxes da Bauhaus, de Warhol, de Lichtenstein, de Rodchenko, dos Rolling Stones..., iconas da cultura popular contemporánea nas que Igor Lugris insire os versos dun poema escrito e rescrito hai xa un tempo. "A poesía ten que poder verse, non só lerse", explica o autor, nacido en Melide mais residente no Bierzo, que engade que as obras que está a presentar teñen como destino, a medio prazo, ser expostas nunha sala, como obxectos plásticos, arte visual para ler e ver.

Así o fixo hai uns meses cos 75 cadáveres exquisitos nacidos a partir da iniciativa que lanzou dende o seu blog (Ha umha certa luz incomprensível na distáncia...). En conxunto acabaron compoñendo a exposición O cadaver esta vivo, que viva o cadaver. Igor Lugris decote sorpréndenos animando a rede e a poética galega con suxestións de creación colectiva; a súa proposta máis recente foi a de crear textos empregando apenas palabras que comezasen por unha mesma letra: o seu Abecedario recibiu xa un bo número de creacións.

Agora está a repartir, uns días antes da celebración do Día das Letras, unha edición especial do seu poema A minha língua quero na tua boca; trátase de seis tarxetas e doce autocolantes, construídos a partir de iconas da cultura popular do século XX nas que se mesturan os versos do poema, producindo unha imaxe completamente orixinal en cada caso. Lugris está repartindo tarxetas e colantes por toda Galiza de xeito gratuíto, permitindo a súa reprodución, unhas imaxes que se poden solicitar por correo electrónico. Obras de arte únicas mais reproducidas de xeito masivo.

Para Lugris a rede é unha ferramenta que lle permite contactar con moita outra xente, e que resulta moi útil para compartir a arte e facilitar as creacións colectivas. Porén, percibe en moitos autores e sobre todo nas editoriais unha falla de visión sobre as posibilidades da rede para a difusión cultural: "hai colectivos, como o Wu Ming que venderon millóns de libros principalmente porque antes déranos a coñecer a través da rede".

En canto á situación da lingua galega no Bierzo, Lugris mantense escéptico, aínda que nos últimos anos percibe un cambio de actitude da sociedade galega en relación co tema, unha meirande concienciación. En cambio, segue a botar en falla unha maior implicación por parte da administración autonómica do país. De igual xeito, critica a actitude "hipócrita" daqueles, "como o PP e o PSOE, que só defenden o galego por imperativo legal; e onde non hai lei, coma no Bierzo, desenténdense e atácano". A súa crítica vai alén dos partidos e chega tamén a medios de comunicación, como La Voz de Galicia, que cando era propietario do Diario de León, mantiña neste xornal unha posición de confrontación coa lingua.

O poema
A minha língua quero na tua boca
e nos teus lábios nos teus peitos
E no país inteiro do teu sexo
falar com o idioma que nos pertence
Procurar a humidade com a língua que nos une
para dar-lhe nome ao teu corpo
e repetir em cada rio em cada bosque
em cada outeiro da tua geografia
a promessa de quem ama sem palavras
Com o silêncio das estrelas, tam longínquo e singelo



4,63/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: