A UE xa avisara en xuño pasado, e advirte agora de que non se deu ningún paso cara ao cumprimento das normas comunitarias.
A Comisión Europea ameazou ao Estado español cunha multa por non designar máis zonas protexidas para aves (ZEPA), en lugares como Galiza. Dende Bruxelas consideran que as autoridades españolas están a incumprir a sentenza de xuño de 2007 do Tribunal de Xustiza de Luxemburgo por non ter clasificado suficientes territorios en número e superficie como espazos de protección especial para as aves.
O Organismo europeo enviou o martes unha carta de emprazamento para coñecer as medidas que as autoridades españolas deberían estar a tomar para cumprir coa sentenza. Ao tratarse dun expediente por este tipo de incumprimento, o Executivo comunitario podería pedir a imposición dunha multa. Todos os estados membros teñen a obriga de designar como zonas de protección especial para as aves, todos os territorios máis apropiados para a conservación de especies de aves silvestres.