Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Quintana reprocha a estratexia do PPdeG

"É insólito que un partido reprenda os seus alcaldes por asinar un acordo"

"A xente quere colaboración", subliña o vicepresidente da Xunta, despois de que a dirección do PPdeG criticase a adhesión ao consorcio de concellos gobernados por rexedores populares.

Redacción - 14:45 03/05/2008

"Esta é a primeira vez que se insulta a un alto responsábel da Xunta por estabelecer acordos cos concellos beneficiosos para os veciños", ironizaban este venres desde a Vicepresidencia da Xunta. Desde este departamento lémbranlle á dirección do PPdeG que os alcaldes piden que o Goberno asuma a xestión das escolas infantís "porque non poden mantelas cos seus recursos" e rexeitan as acusacións de "chantaxe" realizadas polo secretario xeral dos populares, Afonso Rueda.

"É moi gratificante que no Consorcio haxa alcaldes de todos os signos políticos", engaden desde vicepresidencia, advertíndolle ao PpdeG que a mensaxe que está lanzando á sociedade "é que Feijoo e a dirección do PP van facer todo o posíbel para que os seus alcaldes non cheguen a acordos coa Xunta".

Sobre o mesmo asunto, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, opinaba este sábado que "o PP perdeu o rumbo" e criticaba que o PP reunise alcaldes "para reprocharlles que cheguen a acordos coa Xunta, cando o que debería facer é felicitalos por seren capaces de conseguir acordos beneficios para os seus municipios".

O PP interpreta que hai "ameaza de asfixia económica" aos concellos
Na mesma semana en que diversos rexedores do PPdeG participaban nun acto conxunto de integración das súas escolas municipais á rede de galescolas, a dirección do partido requiriunos para acompañar unha conferencia de prensa onde o secretario xeral do partido tomou a palabra para asegurar que tal adhesión fora un exemplo de "coación" aos Concellos.

"A adhesión ao Consorcio está a facerse baixo ameaza de asfixia económica", teimou Rueda, "desde que o bipartito chegou ao poder estableceuse unha nova relación cos concellos; unha relación de coacción, chantaxe e abuso de poder", asegurou o dirixente do PPdeG.

Alcaldes "como arma de confrontación"
"Resulta triste ver a uns alcaldes que se deixan tratar como menores de idade ou incapaces pola dirección do seu partido", laiábase este sábado o secretario de Acción Municipal do BNG, Roberto Mera, analizando este episodio.

Mera, para quen o acto do PPdeG este venres é un "bochornoso e lamentábel espectáculo", reflexiona que "hai un claro problema interno no PP se por unha banda os alcaldes, pensando nos intereses dos veciños, chegan a acordos coa Xunta positivos para o seu concello e se negan a seguir a estratexia da crispación e o enfrontamento dictada por Feijoo". Xa que logo, na súa opinión, a estratexia despregada polo PpdeG esta semana "ademais de deixar en ridículo a oito alcaldes", tentaría enviarlles recado ao conxunto de rexedores do PPdeG para imporlles que "as alcaldías do PP deben ser utilizadas como arma de confrontación co Goberno no canto de para chegar a acordos beneficiosos para os veciños”.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: