Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Festival a pé do Courel

Frikismo urxente e solidario en Quiroga

De Cañita Brava ao campionato de playstation. Remexido lúdico no Frikiroga'08 este sábado 3 a prol da rehabilitación dunha escola.

Redacción - 09:30 03/05/2008



A parroquia da Hermida, en Quiroga, ao pé do Courel, converterase este vindeiro sábado 3 de maio na capital galega do frikismo. O festival Frikiroga'08, que tamén se pode ler como Free Quiroga ofrecerá unha chea de espectáculos, dende circos de pulgas, campionatos de chave e proevolution soccer, até competicións de líado de cirgarros. E concertos, nos que destaca a actuación de Ruxe Ruxe, Ultraqüans, Santa Compaña e Nunca Se Sabe & Kain233. E Cañita Brava, que nunha das súas escasas actuacións en Galiza, farao acompañado por Antón, dos Papaqueixos, e Xico e Cristina de Sonoro Machine.

Pero cómpre comezar polo inicio da historia. O festival é unha iniciativa dun grupo de rapaces de Quiroga para obter uns cartos que sirvan para rehabilitar a vella escola de Soldón, construída no espazo comunal da aldea e con achegas e man de obra dos veciños e veciñas en 1939. Funcionou alí até 1974, cando abriu a "Escola Fogar" en Quiroga; e agora o edificio atópase en ruínas. O concello ofreceuse a arranxar a escola sempre que os veciños lle cedesen a propiedade. Pero os veciños non queren que lles suceda como con tantos montes comunais, que pasaron a outras mans por non poder ser atendidos. Os cartos que se obteñan co festival poderían servir para arranxar o vello edificio e convertelo nun centro de uso comunitario.

O lugar está revolucionado pola iniciativa, principalmente pola visita de Cañita Brava, que logrou que os vellos da comarca se implicasen no festival. Esta "catarse colectiva", este "híbrido entre a tradicionalísima play station e a modernísima chave" terá lugar durante todo o día no campo da festa da parroquia, situada a dous quilómetros de Quiroga. Xa dende a mañá soarán as gaitas e as charangas, despois chegarán os xogos e competicións, e a partir das oito os concertos. A entrada é de balde e haberá un bono-axuda opcional.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: