Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
VERTIDO NO MIÑO

A impunidade das empresas públicas nos delitos ambientais

Luís Díaz Cabanela, médico, máster en toxicoloxía e vogal de Adega, analiza nun artigo as consecuencias do vertido de gasóleo do Adif en Ourense.

Luís Díaz Cabanela - 13:00 02/05/2008

Artigo íntegro:

Unha vez máis vemos como as empresas públicas e as Administracións son as responsables de delitos medioambientais que quedan impunes. A desidia dos directivos de ADIF permite que unhas instalacións obsoletas provoquen desde hai anos verquidos intermitentes de gasoil á rede de sumidoiros de Ourense.

Unha avaría provocou un verquido masivo que destapou as condicións calamitosas deses talleres. Din que “quen contamina paga”. Se ADIF é condenada, pagaremos todos cos nosos impostos. Os directivos seguirán sentados no seu despacho en Madrid cobrando as súas suculentas nóminas. A rede de sumidoiros levou o gasoil a unha depuradora declarada ilegal polo Tribunal Superior de Galiza, por non gardar a distancia de 2000 m recollida no Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. É unha lei antiga, pero plenamente vixente. Foi creada para protexer a saúde e calidade de vida da xente.

Os veciños de Reza coñecen moi ben o que é unha actividade molesta e insalubre. Levan moito tempo soportando malos cheiros e os mosquitos. Agora teñen que soportar tamén Compostos Orgánicos Volátiles. Non desprazaron nin unha das Unidades Móbiles de Control do Ar que ten Medio Ambiente. O cheiro a gasóleo é claramente perceptible no paseo fluvial. Aplicando o principio de precaución e mentres non teñamos datos dos niveis de contaminación, o axeitado sería recomendar aos individuos sensibles (nenos, anciáns, persoas con problemas respiratorios e cardíacos) que non paseen polas proximidades da depuradora, e se viven alí que permanezcan dentro das súas casas coas ventás pechadas. Estas recomendacións son habituais en países como os EUA e ninguén se asusta, nin pensa que se está a crear alarma na poboación. Simplemente, séntense protexidos pola súa Administración. Xusto o contrario do que aquí pasa.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: