Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comeza o debate do Estatut

O Constitucional aceptará que Cataluña é "nación"

Varios medios cita fontes próximas ao Tribunal Constitucional, asegurando que se avalará este recoñecemento.

Redacción - 12:00 02/05/2008

O Tribunal Constitucional, TC, estaría disposto a poñerlle fin á lea do Estatut no que lle toca á afirmación de Cataluña como "nación". A formulación indirecta finalmente escollida, onde se di que "O Parlament de Catalunya, recollendo o sentimento e a vontade da cidadanía de Catalunya, definiu de forma amplamente maioritaria a Catalunya como nación", pasaría así a peneira dos maxistrados.

Con todo, esa aceptación incluiría a advertencia de que tal declaración "carece de todo efecto xurídico", baseándose na falta de valor normativo do preámbulo da lei. Aínda así, a decisión contaría coa oposición da maior parte do sector conservador do TC, que votaría en contra.

Segundo explica este venres o diario La Vanguardia, o actual empate a cinco votos, coa incerteza aínda sobre o sentido do apoio do vicepresidente da institución, o xuíz Guillermo Jiménez, podería resolverse aceptando por un lado esa declaración de "nación", sen efecto xurídico, pero negando polo outro a "bilateralidade" nas relacións Cataluña-Estado en materias como a negociación do financiamento.

Así por exemplo, o Estatuto catalán estabelece a creación dunha comisión "mixta" de asuntos económicos e fiscais, con representación da Generalitat e do goberno español, co obxectivo de marcar un modelo de financiamento específico para Cataluña. O mesmo apartado menciona tamén que esa negociación "non debe implicar efectos discriminatorios para Cataluña respecto das restantes comunidades autónomas".

O ministro de Traballo dá por feita a decisión
Cualificando de "magnífica noticia" a decisión do Tribunal Constitucional, o ministro de Traballo e Inmigración, o catalán Celestino Corbacho, daba por feita esa decisión en declaracións á emisora RAC-1. "Agardo que agora non comece a discusión sobre os efectos xurídicos, porque ser ou non ser unha nación é un tema de sentimentos", opinaba ao respecto o socialista.

Para ampliar:


4,2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: