Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BALANCE DO PRIMEIRO TRIMESTRE

O Banco Pastor aumenta os seus beneficios un 167%

A entidade obtivo un total de 141 millóns de euros netos, superando nun seis por cento á primeira caixa galega.

Redacción / EP - 18:35 30/04/2008

O Banco Pastor foi no primeiro trimestre de 2008 a entidade financeira galega cun maior beneficio neto, ao obter un total de 141 millóns de euros, un 167,3 por cento máis que fai un ano. Así o destacou hoxe o presidente do Consello de Administración de Banco Pastor, Xosé María Arias, durante a súa intervención ante a Xunta Xeral de Accionistas, que aprobou as contas do pasado exercicio e na que destacou que a entidade está "nunha situación envexable de liquidez" nesta conxuntura de desaceleración económica e peche de mercados.

Respecto diso, Xosé María Arias explicou que "as crises entran polo Levante, Cataluña e Madrid e, nesta ocasión, tamén por Andalucía". "Galiza sempre é a cola, non collemos a punta de lanza nas etapas de crecemento, pero tamén nos vemos afectados menos polas crises", razoou.

Xosé María Arias afirmou que a Xunta non se dirixiu ao banco para pedirlle que participe no financiamento da Cidade da Cultura, complexo que se está construíndo en Santiago e do que en 2009 prevese inaugurar os seus primeiros dous edificios e en 2012 calcúlase que estarán concluídos os seis que os compón. "No momento no que nolo expoñan, se o fan, estudarémolo, sempre apoiamos proxectos en Galiza", resaltou, aínda que insistiu en que polo momento os responsables da Administración autonómica non se dirixiron ao Banco Pastor para exporlle esta posibilidade.

Por outra banda, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tamén terzou este mércores no polémico enfrontamento entre o diario Xornal.com e o Banco Pastor. Logo de que o medio de comunicación pedise amparo do CPXG, este último pídelle á entidade financieira que trate de facilitar o acceso deste xornal ás xuntas de accionistas. O xornal dixital asegura que a entidade financeira está a impedirlle desenvolver as máis elementais tarefas informativas.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: