Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) despois dos lamentabeis sucesos de vertido dos derivados dos hidrocarburos ao río Miño procedentes dos depósitos da empresa ADIF, esixe a demisión do concelleiro responsábel de Medio Ambiente ante a evidencia de que era coñecedor, por ter sido avisado pola Policía Local, do importante e perigoso vertido de gasóleo á rede pública de sumidoiros desde a tarde do sábado, 26 de abril, e non comunicou nada aos servizos técnicos da empresa Aquagest, dando por boa a versión ofrecida na roda de prensa da mañá do luns, 28 de abril, de que se detectou a vertedura "casualmente" por parte do persoal que atende os servizos da depuradora de Reza esa mesma mañá.
Adega considera que o Alcalde de Ourense, coa súa presenza en dito acto de convocatoria aos medios de comuncicación, avalou a versión ofrecida polo concelleiro, polo tanto ao manter á confianza en dito responsábel está sendo cómplice dunha versión que resultou ser unha mentira e engano á cidadanía de Ourense.
De terse tomado medidas e seguido un protocolo de actuación coordinado, xa no momento de coñecerse a orixe do vertido, poiderase prever con outros medios á depuradora de Reza, retirando os fangos e lodos con moita máis antelación, para evitar que o vertido, finalmente, acabara chegando ao río Miño.