Este incremento non se debe só, como manifestou o director xeral de Desenvolvemento Sostible, á baixa produción hidroeléctrica e ao esgotamento da mina de lignito (carbón) de Meirama, senón tamén ao reparto dos permisos de emisión de CO2 efectuada polo Goberno central, que non desincentiva suficientemente a produción eléctrica con carbón, a pesar de ser a máis ineficiente e contaminante. Por outro lado, Verdegaia valora positivamente que a Consellería de Medio Ambiente divulgue datos sobre as emisións totais de CO2 e outros Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) para o período 1990-2006, xusto unha semana despois de que o fixese Verdegaia.
O aumento das emisións de CO2 da produción eléctrica en 2007, que tivo lugar non só en Galicia senón tamén no conxunto de España, débese en boa medida a unhas políticas públicas que non penalizan adecuadamente a produción de electricidade con carbón, o combustible fósil que emite máis CO2 por electricidade xerada. De tal forma que, en 2007, a nivel estatal, os 11.375 MW de carbón xeraron 71.846 GWh, mentres que os 20.955 MW de gas natural só produciron 68.308 GWh. É dicir, as novas centrais de gas pararon para que producisen as vellas e máis contaminantes centrais de carbón como as das Pontes e Meirama. Ao seguir sendo un bo negocio para as eléctricas producir electricidade moi sucia con carbón, a entrada en funcionamento en Galicia das dúas novas centrais de ciclo combinado a gas natural das Pontes e de Sabón non vai facer que diminúan as emisións de CO2 da xeración eléctrica na nosa terra nos próximos anos, segundo as previsións da propia Xunta, feitas a través do
Instituto Enerxético de Galicia da Consellería de Innovación e Industria.
Para que isto non fose así, a Xunta podería reformar o imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica para gravar as emisións de CO2 das centrais térmicas. O incremento das emisións de CO2 dos sectores industriais rexistrado en 2007 –debido principalmente ás centrais térmicas, en concreto á de Meirama-, e á espera de que se coñezan os datos de emisións totais para 2007, torna probable que en 2007 se teña invertido a tendencia á redución das emisións totais de gases que provocan a mudanza climática verificada en Galicia entre 2004 e 2006. En calquera caso, é necesario e urxente que a Xunta cumpra de vez o seu compromiso de aplicar un ambicioso Plano Galego para a Redución das Emisións de GEI. Cando xa entramos na recta final da lexislatura, nin tan sequera se coñece publicamente un borrador deste Plano, anunciado en diversas ocasións. Verdegaia sospeita que está a ser bloqueado por Consellerías como a de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ou a de Innovación e Industria.
Verdegaia felícitase de que a Consellería de Medio Ambiente por fin se decidise a divulgar datos sobre as emisións totais (industriais e difusas) en Galicia entre 1990 –ano base do Protocolo de Quioto-, e 2006, xusto unha semana despois de que Verdegaia fixese público o informe “As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2006)”. De todas formas, Verdegaia considera que a información divulgada hoxe resulta insuficiente, e non dá cumprimento ao artigo 34 da Lei 8/2002 de protección do ambiente atmosférico de Galicia, que obriga á Xunta a presentar anualmente un informe que conteña información completa sobre as emisións dos GEI, e as súas fontes, así como sobre as medidas de prevención adoptadas e os progresos acadados. O Valedor do Pobo está a tramitar unha queixa por este motivo a solicitude de Verdegaia.