A xestión do sistema, baseado na entrega de cheques aos pais, estará en mans dunha empresa adxudicataria.
A Consellaría de Educación, a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Libreros de Galiza chegaron este martes a un acordo para modificar o sistema de gratuidade dos libros de texto posto en marcha pola Xunta hai tres anos. Editores e libreiros levaban tempo reclamando o cambio do sistema de empréstitos, para mudalo por outro que se basease nas axudas directas ás familias para a compra do material escolar.
O sector argumentaba que nas comunidades autónomas que optaran polos segundo sistema (Asturias ou Cantabria), o coste por alumno para a administración, era tan só duns 30 euros máis, o que chegaría para compensar as perdas de librarías e editoriais.
Así será. Os pais recibirán un cheque polo importe máximo a gastar e deberán facelo directamente nas librarías que participen no sistema de gratuidade de libros de texto. Así mesmo, Laura Sánchez Piñón sinalou que outra das novidades é que a xestión do sistema será responsabilidade dunha unha empresa colaboradora que desempeñará o papel que antes exercían os propios centros, co que se liberará de carga" aos equipos directivos. A empresa que resulte adxudicataria (nunha convocatoria cun tipo máximo de licitación de 450.000 euros, publicada este martes no D.O.G.), ofrecerá un servizo telefónico gratuíto e unha web, ademais de tratar coas librarías adscritas ao sistema.
Beneficiaranse cen mil familias
Segundo Sánchez Piñón, o próximo curso beneficiaranse deste sistema 129.608 alumnos de Primaria e ESO e 99.698 familias. En función da aplicación da LOE, o programa de gratuidade de libros de texto estenderase o próximo curso a 3º e 4º de Primaria e 2º e 4º de ESO. Ademais, segundo declarou a conselleira, o próximo curso haberá libros novos en 1º, 2º --estes dous por reposición--, 3º e 4º de Primaria, 2º e 4º de ESO e en Educación Especial --por reposición--.