O filme de Margarita Ledo, que recrea a vida do histórico líder comunista galego, foi seleccionado para o certame, que terá lugar en maio.
O filme Liste, pronunciado Líster, de Margarita Ledo continúa o seu periplo por festivais. Agora foi seleccionado no Festival Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebrará en Bos Aires do 8 ao 14 de maio. O documental foi estreado o pasado mes de outubro no Teatro Principal de Compostela. Enrique Líster, nacido en Teo, emigrado a Cuba, e exiliado despois, chegou a dirixir un sector da defensa de Madrid fronte aos ataques fascistas, sendo responsábel da 11ª división do exército republicano.
Ciclo sobre Sokurov no CGAC
Por outra banda, o CGAC compostelán acollerá do 13 ao 28 de maio un ciclo-seminario sobre a figura e a obra do cineasta ruso Alexander Sokurov, coordinado polo historiador da arte e poeta José Antonio Cascudo.
Esta actividade contará con conferencias e proxeccións dunha escolma dos filmes de Sokurov. Entre os conferenciantes destacan: Jaime Pena, Rafael Llano, Alberto Ruíz de Samaniego, Tamara Djermanovic e Carlos Mugiro. Entre os filmes a visionar poderemos ver Elexía de Moscova, Nai e fillo, Elexía dunha viaxe, Voces espirituais, Confesión, Elexía de una vida, Pai e fillo, A arca rusa, Alexandra, Unha vida humilde, Dolce, Taurus e O sol.