Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe sobre gases efecto invernadoiro

Galiza superou nun 40% as emisións permitidas de CO2 para 2007

As empresas emitiron cinco millóns de toneladas máis da cantidade permitida, chegando a soltar á atmosfera 17 millóns e medio de toneladas de CO2.

Redacción - 18:40 28/04/2008

Segundo o Informe de Emisións e gases de efecto invernadoiro, durante o pasado ano superouse a contaminación por CO2 nun 40 por cento. O sector industrial emitiu un total de 17.672.106 toneladas, cando a asignación gratuíta era de 12.605.952, o que supón un excedente de máis de 5 millóns de toneladas.

A porcentaxe de emisións tamén se incrementou con respecto a 2006, nun 6,8 por cento, cunha cifra total de 16 millóns e medio de toneladas durante o ano anterior. Sen embargo, segundo indicou o director xeral de Desenvolvemento Sostíbel, Emilio Fernández, as cifras de 2007 non son totais, xa que até 2009 non se terán os datos completos verificados polas empresas. Fernández puntualizou que a cota fixada no I Plan Nacional de Asignación vixente até 2008 sufriu tamén un descenso.

Os sectores que máis CO2 emitiron á atmosfera durante 2007 foron os de produción de enerxía eléctrica, que supoñen o 80,56 por cento do total, seguidos das refinerías co 8,83 por cento, as coxeneraciones cun 5,77 e sectores de fabricación de vidro, aceiro, cerámica, cal e cemento, papel e instalacións de combustión cun 4,84 por cento.

Meirama, a principal causa

O aumento no sector eléctrico provén principalmente da central térmica de Meirama, que dende 2006 incrementou as súas emisións en máis dun millón de toneladas, o 33,39 por cento. Segundo explicou Emilio Fernández, esta situación débese a que 2007 foi o último ano no que a empresa explotou "masivamente" a mina de lignito, e que a seca padecida durante o pasado ano tamén impediu producir enerxía a través da explotación hidráulica.

A pesar dos resultados, o responsábel de Desenvolvemento Sostíbel afirmou que en Galiza existe suficiente asignación para cubrir a demanda do país, "excepto no sector eléctrico", e que para facer frente a estes excedentes as compañías poden mercar máis cota ou investir en enerxías renovábeis en países en vías de desenvolvemento. Así a redución dese país compensa o gasto da empresa.

Segundo o informe, as emisións entre 1990 e 2006 aumentaron en Galiza un 22,6 por cento, un dos menores aumentos comparándoo coa media estatal (53%). En 2006 as emisións reducíronse nun 3,1 por cento con respecto a 2005, rexistrándose un maior incremento no sector do transporte e nos procesos industriais de combustión, aínda que se constata un descenso noutros sectores como o de xeración de enerxía ou no da agricultura.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: