Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
O BNG PIDE EXPLICACIÓNS

O Adif estivo vertendo gasóleo á rede de saneamento de Ourense dende o sábado

A filtración, procedente dun colector de 50.000 litros, foi detectada o luns ao mediodía grazas a un aviso.

Redacción - 18:10 28/04/2008

Unha fuga de gasóleo procedente dun depósito de Adif chegou á rede de saneamento da cidade de Ourense. Aínda que o vertido se produciu o sábado, non se detectou até o mediodía do luns. A perda, que se produciu de xeito continuado dende un colector de 50.000 litros de capacidade, xa "está controlada", segundo o Concello.

A alarma comezou cando o goberno local recibiu un aviso por un forte cheiro a gasóleo, que foi confirmado logo por técnicos da empresa concesionaria do servizo de auga, Aquagest. Despois, detectouse que o vertido procedía da rede de saneamento dende un depósito propiedade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias no barrio do Peliquín.

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, asegurou que "todo está controlado", aínda que descoñecía a "cantidade exacta da fuga". Engadiu que os operarios de Aquagest están a facer un "seguimento permanente" para evitar que o gasóleo chegue ao río Miño. Rodríguez explicou que o combustíbel se mesturou coas augas residuais e chegou até a depuradora, onde foi detectado polo seu forte cheiro. Comparou o vertido co efecto dunha billa que vai perdendo líquido durante "horas e horas".

Iniciativa do BNG
Neste senso, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, pediulle explicacións a Adif polo vertido de gasóleo ao río Miño e tachou de "inxustificábel" e "escandaloso" que o organismo non avisase ao respecto. Por iso, presentou unha iniciativa no Senado para reclamarlle ao goberno español que explique as circunstancias do vertido e por que non informou do mesmo a tempo.

No texto, Pérez Bouza lembra que Renfe (antigo Adif) figura nun informe de 2006 do Ministerio de Medio Ambiente como "un dos principais focos contaminantes" do río Miño. Finalmente, pídelle ao executivo español que asuma "todos os custos" da depuración do vertido e que tome as medidas necesarias "para que non volva ocorrer".


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: