Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta fin de semana

Galiza gaña o Open Internacional de España de taekwondo

Ademais era o Campionato Estatal por Clubes onde competían noventa deportistas galegos (a meirande expedición da historia) que levaron o noso país por segunda vez ao podio.

Redacción - 11:08 28/04/2008
Cartel da proba

Cartel da proba

O Pavillón Pitiu Rochel de Alicante encheuse de taekwondistas esta fin de semana: era o VI Open Internacional de España de taekwondo, ademais do Campionato Estatal por clubes. Había, entre todos os taekwondistas (1.300 pertencentes a 26 países e 103 clubes distintos), uns noventa galegos que fixeron que Galiza subise ao podio por segunda vez nunha competición cualificada de Clase "A" pola European Taekwondo Union (ETU). Un novo éxito da selección galega, despois de ter alcanzado os primeiros postos no pasado Open de Bélxica.

Ademais do primeiro posto de Galiza, tamén destacou o ouro conseguido polos deportistas do Natural Sport de Ribeira, que quedou campión por clubes en categoría absoluta, seguido do Centro de Tecnificación de Valencia. No terceiro posto quedou o Estudio Fran Martín de Cataluña.

É de destacar o traballo dos taekwondistas galegos nunha competición na que participaban máis de mil competidores na área de Combate (nas categorías cadete, júnior e sénior), mentres que en Técnica participaron uns 250, e en Exhibición, 72 taekwondistas.

A cousa quedou como segue:
Na categoría sénior Galiza quedou de primeira clasificada, seguida de Suecia, Porto Rico e Marrocos. En júnior Galiza tamén quedou de primeira, seguida de Alemaña, Croacia e O Salvador. En cadete tamén foron primeiros os galegos, seguidos de Austria e Suecia. Só en Técnica quedou Galiza afastada dos primeiros postos, sendo terceira, por detrás de Francia e da selección de Navarra.

En canto á clasificación por clubes, en Exhibición o primeiro foi o Tao-Clínica Luis Vilas de Vigo; o segundo o Mace Sport de Pontevedra, e o terceiro o clube Olímpic de Vilagarcía.

As medallas dos galegos
En canto ás medallas, os ouros na categoría sénior foron para Jessica Otero (do clube Kido Sport de Sanxenxo en -51kg); José Fernández (do clube Natural Sport de Sada en -67kg); e Fernando Rascado (do clube Tao-Clínica Luis Vilas de Vigo en -78kg).

Na categoría júnior as medallas de ouro leváronas José C. Pereira (do clube Olímpic de Vilagarcía en -51kg); Francisco Padín (do clube Olímpic de Vilagarcía en -55 kg); Ángel Parada (do clube Natura Sport de Riveira en -68 kg); José A. Andrade (do clube Mace Sport de Pontevedra en -68 kg); Ruth Docampo (do clube Mat´s de Marín en -44 kg); e Uxía Díaz (do clube Mat´s de Marín en -68 kg).

Os cadetes con medalla de ouro foron Darío González (do clube Kiap de Vigo en -49 kg) e Alicia Córdoba (do clube Olímpic de Vilagarcía en -41 kg).

A vindeira cita do Taekwondo Galego será en Vigo o 3 de maio, no Campionato Galego de Técnica e Exhibición de adultos.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: