Entre o xoves e o sábado pasarán pola vila ferrolterrá expertos na obra do autor norteamericano, traducido ao galego por vez primeira este ano.
En 2003 foi Cortázar, en 2004 Joyce, en 2005 O Quixote, en 2006 Kafka e en 2007 Proust. As obras dalgúns dos máis importantes autores da literatura universal pasaron por Neda (un concello de menos de seis mil habitantes) nos últimos cinco anos, e con eles expertos internacionais e os estudosos e tradutores galegos que máis teñen traballado estes autores. As Xornadas Literarias do Concello de Neda contan coa colaboración da Facultade de Humanidades de Ferrol.
O 2008 é a quenda de William Faulkner, Premio Nóbel en 1949, e autor de obras como O ruído e a furia (que vén de ser traducida ao galego por Galaxia), e outros libros nos que o protagonista era o sur profundo, retratado con técnicas innovadoras e un estilo realista que deixou fonda pegada en sucesivas xeracións de autores, tamén de iberoamérica, como Onetti, Vargas Llosa, García Márquez ou Cortázar, e que influíu na xestación do chamado realismo máxico, e no noso país, moi fondamente na Nova Narrativa Galega.
Entre o xoves e o sábado pasarán pola Casa das Palmeiras de Neda Xurxo Borrazás, Miguel Pernas ou Ramón Loureiro, que falarán globalmente da obra de Faulkner, ou os profesores norteamericanos Rachel Lofft (Universidade de Nova York) e Ted Olson (Universidade East Tennessee State). Haberá tamén proxección de filmes relacionadas coa obra do autor, a cargo de José Manuel Sande, do CGAI, e música sureña e blues. Así mesmo, as xornadas literarias teñen entre os seus obxectivos implicar aos cidadáns da comarca nas actividades, principalmente aos máis novos; por ese motivo, todos os anos, os alumnos do instituto local presentan traballos sobre a obra do autor escollido para cada edición.
Programa das VI Xornadas Literarias
Xoves 24 de abril. 20.00
Miguel Salas, libreiro e editor: 'A árbore dos desexos', unha obra de Faulkner para nenos
José Manuel Sande, CGAI: Faulkner e o cine. Proxección de filmes
Venres 25 de abril. 20.00
Conferencias/Coloquio: As nosas lectura de Faulkner. Ramón Loureiro, Ramón Pernas, Milagros Frías e Xurxo Borrazás (tradutor de Faulkner ao galego)
Música do deep south
Folk songs from Faulkner's South. Ted Olson
Concerto de blues. Julie Guravich & Fran Rei
Sábado 26 de abril. 10.00
Conferencia: Rachel Lofft Basse, Universidade de Nova York: O estilo literario de Faulkner e a cultura sureña nos EE.UU.
Conferencia: Ted Olson, Universidade East Tennessee State: A influencia de Faulkner nos novos escritores
Ponencias a cargo dos alumnos do IES Fernando Esquío de Neda: Welcome to Yoknapatawpha