O presidente da Xunta asegura que o país pode afrontar con forza a crise económica e avoga polo diálogo arredor das Normas do Hábitat.
Emilio Pérez Touriño / Ana Varela
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, garantiu que se comezará a tramitar a reforma da lei da Compañía da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) este mesmo ano. O executivo presentará o borrador do novo texto, adaptado ás "demandas comunicativas do século XXI".
Touriño, nunha entrevista na Radio Galega, dixo que a reforma da CRTVG vai supoñer un cambio "profundo" dos estatutos e da concepción dos medios públicos, non só un cambio no sistema de nomeamento, "o único que lle preocupa ao PP", segundo el. Deste xeito, respondeu á petición da oposición de que se reformase a lei ao tempo que se renovan dous membros do Consello de Administración da compañía pública. A nova lei supoñerá que o Parlamento será quen nomee o director xeral da CRTVG, e non o Goberno, como até agora.
O presidente da Xunta asegurou que Galiza vive un clima de estabilidade social que serve de "motor económico" e dixo que, aínda que "veñen tempos difíciles", o país ten unha "musculatura forte". Ademais, anunciou que vai asinar "axiña" con empresarios e sindicatos o Acordo Social pola Competitividade 2008-2011.
Sobre as leis pendentes no que reste de lexislatura, Touriño mencionou que se aprobarán proximamente a Lei de Servizos Sociais, a de Vivenda, a de Pesca e a de Montes. Tamén avogou por que se aplique "con intelixencia" o decreto das Normas do Hábitat, "sen renunciar aos seus principios reitores" e escoitando "todos os que teñan algo que dicir".
Segunda canle
Por outra banda, a voceira parlamentaria do BNG en medios de comunicación, Modesta Riobó, formulou unha pregunta ao Goberno para coñecer os prazos en que podería entrar en funcionamento a segunda canle da televisión pública, cal será o seu orzamento e que contidos terán preferencia na súa programación.
Rioboo afirma que "a función de servizo público é o obxectivo fundamental que deben de cumprir os medios de comunicación públicos galegos" e especifica que deben estar abertos á participación social, respectaren o pluralismo político, relixioso e cultural e seren esixentes na normalización lingüística e cultural do país. Tamén di que é necesario atender as necesidades dun público moi diverso -infantil, mocidade e terceira idade- que unha soa canle non pode cubrir nun mesmo treito horario.
O director da TVG, Suso Iglesias, anunciou no mes de xaneiro que a segunda canle da Galega, que emitirá exclusivamente a través da TDT, comezaría a emitir o 25 de xullo, Día da Patria.