Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONTINÚA A I SEMANA DE POESÍA SALVAXE

Versos sublevados: obxectivo cumprido

'A palabra encarnada' cruza o seu ecuador á espera das dúas citas máis agardadas: o recital de Carlos Oroza e a jam session final.

Redacción - 12:45 18/04/2008

A I Semana de Poesía Salvaxe, organizada polo Concello de Ferrol, comezou a cumprir os seus obxectivos dende o primeiro recital, que tivo lugar nos Cantóns. Os versos de Guillermo Ferrández & Karlotty chegaron aos oídos do medio cento de persoas que expresamente se xuntaran alí, mais tamén aos de moitos outros: os nenos que xogaban no parque, os vellos que paseaban e ollaban pampos aos dous poetas megáfono en man, e os ionquis sentados nos bancos que respondían con berros as palabras dos oradores. Nese primeiro recital os altofalantes fixeron resoar os versos contra as paredes da Fundación Caixa Galicia; versos sublevados, obxectivo cumprido.

Algo semellante no segundo espectáculo, o de María Lado e Lucía Aldao, que encheron o Pub Cazadores ante un público entusiasta e entregado. E tamén no terceiro, na procesión poética que encabezou Víctor Díez pola rúa Real (unha das máis importantes vías comerciais da cidade) até a praza de Amboaxe. Megáfono en man, igualmente, Víctor Díez realizou o percorrido devagar, entrando nas tendas e comercios, chamando aos porteiros automáticos das casas, parando diante de entidades financeiras e militares, e increpando a banca e exército e demais forzas vivas da cidade.

Aínda os dous pratos fortes: Oroza e Jam Session
Marcos Lorenzo, organizador da Semana de Poesía Salvaxe, destaca que "todos os poetas que participan nesta festa son forzas da natureza, o que fai que enganchen á xente con facilidade". Entre o que queda por diante haberá que estar atento á capacidade de interacción e forza expresiva de O Leo e Estevo Creus, que venres e sábado ao mediodía ofrecerán os seus espectáculos nos mercados da Praza de España e da Madalena.

E por suposto, os dous pratos fortes da semana: a presentación en exclusiva mundial do novo poemario de Carlos Oroza, o venres pola noite, a partir das nove da noite na Biblioteca Central de Ferrol, e a Jam Session do sábado á noitiña na Capela do Centro Torrente Ballester. Para ambas as dúas citas espérase unha afluencia masiva de xente, e moi probábel que os espazos fiquen pequenos ante a espectación xerada. Carlos Oroza é unha lenda viva da poesía, integrante da xeración beat e recoñecido internacionalmente, e a jam sessión permitirá ver en directo á meirande parte dos poetas participantes, nun espectáculo que combinará palabra e música.

O que queda da semana
Venres 18
12.30. O Leo (Mercado da Praza de España)
21.00. Carlos Oroza; Presentación mundial do seu novo espectáculo poético: Donde la noche da la mano al día (Biblioteca Central de Ferrol)

Sábado 19
12.30. Estevo Creus (Mercado da Magdalena)
19.00. Jam Session poética, conducida por Manuel Cortés (Capela do Centro Torrente Ballester).


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: