Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NA BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL DE COMPOSTELA

Estaleiro Editora preséntase cun poemario de Alberto Lema

'Plan de fuga' é a primeira obra do proxecto editorial, unha alternativa "ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados".

Marcos S. Pérez - 10:30 18/04/2008

Este venres 18 preséntase en Compostela o primeiro libro editado por Estaleiro Editora, Plan de Fuga, de Alberto Lema, autor nacido no 75 en Vimianzo, a quen a Filoloxía Inglesa e as oposicións levárono a conducir camións en Londres ou a buscar a vida en Lanzarote. Alberto Lema, que hai anos buscara sen éxito publicar os seus textos en varias editoriais galegas, publica agora este poemario, e neste 2008 tamén verá editada en Galaxia a súa novela Unha puta percorre Europa. Segundo María do Cebreiro, Lema "escribe como un poeta clásico porque tivo o bo gusto de elixir a vangarda para a vida".

Nunha e noutra obra Alberto Lema fala da derrota, fala da política, da que asoballa xeracións e pobos e da que define a vida de cada persoa: porque non houbo batalla, compañeiro/ nin vencidos, e levamos toda a vida/ vivindo en territorio inimigo. Mais cunha arenga final que convida a mirar cara adiante: Nós veremos o caer os muros de McDonald´s (...) E esta vez non podemos perder/ seremos o cancro na pel do cancro. A épica da experiencia que recolle o Plan de Fuga de Alberto Lema será presentada por María do Cebreiro e Carlos Figueiras na nova biblioteca pública de Compostela (Avenida Xoán XXIII), a partir das sete e media da tarde deste venres.

Despois de Plan de fuga, Estaleiro ten previsto presentar e publicar en breve Fume / Insomnio, unha dobre obra de teatro escrita, respectivamente, por Rubén Ruibal (Premio Español de Literatura Dramática) e Carlos Losada. O libro venderase igualmente a seis euros e poderá descargarse de balde na páxina da editora.

Proxecto editorial alternativo

Estaleiro Editora é un proxecto de edición independente, de funcionamento asembleario e aberto, que nace co obxectivo de "abrir novos camiños dentro do sistema literario galego", unha alternativa "ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados".

A rede permite hoxendía a edición e a autoedición, eliminando a necesidade de pasar polas estruturas editoriais, e permitindo a difusión de contidos a públicos moito máis amplos e diversos. Porén, os selos editoriais e a propia edición en papel continúan cumprindo unha función de lexitimación das obras publicadas: "só a publicaçom, ao amparo dum determinado selo editorial, legitima o autor em sociedade e entre os seus pares", escribe Carlos Figueiras en Umha alternativa editoral, unha caste de manifesto de principios de Estaleiro Editora.

O modelo de edición alternativa que propón Estaleiro lígase a outras propostas de autoxestión editorial en marcha en distintos territorios do Estado, como Virus Editorial (Barcelona), Anagal (Barcelona), Hiru Argitaletxea S.L (Hondarribia), Traficantes de Sueños (Madrid), Pepitas de Calabaza (Zaragoza) ou a Wu Ming Foundation italiana. A publicación, baixo licenzas creative commons, realízase en edicións de baixo custe (o primeiro libro distribúese a seis euros) e a través da descarga gratuíta das obras na rede, renunciando autores e editores a calquera tipo de retribución económica polo seu traballo. Estaleiro edita en galego, en calquera das súas normativas.


Ligazóns

4,76/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: