Forman parte da asociación 12 produtoras galegas, entre elas Falcatruada, Kamikaze, Lonxa Cultural, Ouvirmos, Sons Galiza e Zouma
A meirande parte dos selos discográficos independientes do Estado (ao redor de 80 até o momento) veñen de crear a Plataforma Independente pola Música, co obxecto dende a que "realizar accións comúns para o fomento e a promoción dos contidos" dos seus asociados. A decisión tomouse en Cannes durante a celebración do pasado MIDEM.
A Plataforma nace pola unión de catro asociacións de produtoras independentes: a catalana Apecat, a madrileña Afocam, a Unión Fonográfica Independiente e a galega Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), da que fan parte Atlantia, Audia Records, Clave Records, Edicións do Cumio, Falcatruada, Kamikaze, Lonxa Cultural, Ouvirmos, Sons Galiza Comunicación e Zouma. Ademais, outros tres selos radicados en Galiza entran a formar parte da Plataforma: Boa, Discos de Freno e Producciones Efímeras.
O voceiro da asociación é o avogado especializado en propiedade intelectual, Andy Ramos Gil de la Haza, que criticou que "malia a que o 99% dos selos europeos son PEMES, e de que máis do 50% das persoas empregadas no sector musical traballan en PEMES, os problemas de concentración e de acceso ao mercado fan que o 95% do que a xente pode oír e ver en tendas, radio, televisión ou Internet estea concentrado nas mans de catro multinacionais".
Para Ramos, o obxetivo da plataforma é "constituír unha única voz que lles permita ás independentes ter representatividade perante entidades públicas e empresas".
Debate sobre a música galega, na Gentalha do Pichel
Por outra banda, este mércores 16, a partir das oito da tarde, o centro social A Gentalha do Pichel, de Compostela, acollerá o primeiro dos debates sobre a creación cultural en Galiza, dentro dun ciclo que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses. Esta semana o tema de discusión será a música: a viabilidade de crear en galego, o positivo e negativo de facelo nesta lingua, o mercado existente no noso país, a SGAE e a propiedade intelectual, e a lusofonía.
Participarán Uxía Senlle, Guadi Galego, Xocas (The Homens), Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Anxo (Desequilibrio Mental) e Jara Ortiz (Lua de Fouce).