Os ecoloxistas cren que se antepoñerá o economicismo á defensa da natureza, mentres que o presidente da deputación ourensá lamenta a devaluación do sector agrario.
Elena Espinosa, ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño
A asociación ecoloxista Adega tachou de "desagradábel sorpresa" a disolución do Ministerio de Medio Ambiente, e considera que se trata dun "paso atrás" e unha "irresponsabilidade". O comunicado afirma que o goberno español "navega a contracorrente" por ter dividido as competencias do anterior ministerio entre Agricultura e Industria.
Para Adega, coa decisión gobernamental dificúltanse "as políticas de defensa ambiental que de feito son chave para garantir á cidadanía un medio ben conservado para dispoñer dunha calidade de vida aceptábel", e avoga por separar o coidado do medio ambiente "como contrapeso ás áreas máis economicistas", que son agricultura, pesca e industria.
Ademais, Adega asegurou que solicitará o traspaso a Galiza das competencias que afecten "gravemente" aos nosos recursos naturais. Deste xeito, evitaríase que sufran o abandono do goberno español e que se dean "proxectos irracionais" como o paseo marítimo do Pindo, a autovía Cea-Ourense ou o embalse de Navia.
Baltar tampouco aproba o novo ministerio
O presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, tamén criticou, aínda que por outros motivos, a creación do ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Nunha entrevista radiofónica, Baltar manifestou que "unha carteira tan importante como Agricultura" quede "un pouco devaluada" ao asumir outras dúas áreas.
Aínda que Baltar amosou a súa satisfacción polo feito de que o departamento estea dirixido por unha ourensá, asegurou que na pasada lexislatura Elena Espinosa "non deu mostras de solidariedade con Galiza nin con Ourense".