Os actos organizados en distintos lugares do país repártense entre a memoria dos anos trinta e a reapertura do debate sobre a forma de Estado.
A Coruña, Ourense Vigo e Compostela concentrarán os actos máis importantes que un novo 14 de abril conmemorarán o cabodano da proclamación da Segunda República. Na cidade herculina xa o domingo realizóuselles unha homenaxe ás vítimas do franquismo no Campo da Rata, un dos lugares nos que se practicaron un meirande número de fusilamentos durante a guerra e postguerra civil; unha hora antes, a mesma comitiva organizara unha ofrenda floral no cemiterio civil, ao pé do monumento Á memoria dos mortos na defensa da liberdade (xullo 1936 - novembro 1975).
Este luns, o Ateneo Republicano inaugurará na Casa-Museo Casares Quiroga a exposición II República Española. 75º Aniversario. Os actos completaranse cun ciclo de conferencias e proxeccións que comezarán este mércores 16 na Fundación Paideia co documental Manuel Azaña. Un demócrata por excelencia.
Os Artistiñas e o Volter
En Ourense as homenaxes céntranse na lembranza dos Artistiñas, un grupo formado polos pintores Xaime Quessada, Xosé Luís de Dios, Virxilio e Xabier Pousa, e os escultores Acisclo Manzano, Manolo de Buciños e Arturo Baltar, que adoitaban renirse na ourensá Taberna do Tucho, rebautizada por Vicente Risco como O Volter (en lembranza do Cabaret Voltaire dadaísta en Zurich). O venres tivo lugar unha cea no Coliseo Xesteira e unha palestra de Arturo Lezcano e Marcos Valcárcel titulada Da ditadura á democracia pasando polo Volter.
Este luns, ademais, terá lugar un pasarrúas republicano, organizado por Sarabela Teatro e a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), que partirá ás seis da tarde da praza Eirociño dos Cabaleiros (onde se situaba o Volter), e rematará no Liceo ás nove da noite, cunha lectura de poemas.
Así mesmo, o Centro Cultural da Deputación, no Edificio Simeón, acollerá até maio un ciclo de documentais titulado O que nunca se contou do franquismo e que comezará esta semana co filme galego Aillados, de Antonio Caeiro. Finalmente, o domingo 13 no cemiterio de San Francisco houbo unha ofrenda floral ás persoas que foron asasinadas por defender a democracia republicana. Os actos completaranse o vindeiro 25 de abril na Sala Coliseo Xesteira acolle o concerto Rockpública, no que actuarán Cuchufellos e O Sonoro Maxín.
Manifestación en Vigo e Mesa Redonda 'Pola III República' en Compostela
En Vigo este luns ao mediodía está convocada diante do Marco (Rúa Príncipe) unha manifestación Pola República, que concluirá nun xantar republicano. O 25 de abril Antonio García Trevijano ofecerá unha conferencia no Centro Cultural Caixanova, baixo o título de Cara á III República.
Tamén se traballará por reabrir o debate sobre a forma de Estado este xoves 17 en Compostela, cuxa Facultade de Ciencias Políticas acollerá unha mesa redonda na que Carlos Portomeñe (Secretario Xeral do PCG), Herminio Barreiro (vicepresidente do Foro da Memoria Republicana de Galicia) e Javier Nacascués (Director da Fundación de Investigacións Marxistas) falarán Pola III República.