Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Novidades do fútbol feminino do país

As viguesas do Olivo preparan o ascenso á Superliga

Mentres, as coruñesas do Galicia Gaiteira e do Orzán pisan o primeiro chanzo do seu pase á final, da que sairá un novo equipo galego na Primeira estatal.

Redacción - 13:15 14/04/2008

O Olivo Novaxove proclamouse este domingo campión do seu grupo na Liga Estatal fronte ás mozas do Val do Ulla, a falta dunha xornada para que termine a competición.

Cun 7 a 0 as xogadoras do Olivo aseguráronse o seu pase á fase de ascenso á Superliga, entrando nun novo grupo, aínda por facer, de tres equipos, no que só dous chegarán aos play-off finais. Dentro de dúas semanas saberanse os compoñentes de cada grupo, co que se van poder facer conxecturas coas posibilidades das viguesas.

Aínda sen saber nada do que depara o futuro, pero sen deixar de pensar nel, as viguesas celebraron o domingo un dos mellores momentos dos seus catro anos de historia. Valíalles un empate, pero viñeron 7 goles, marcados na portería dun dos mellores equipos do grupo, o Val do Ulla, que chegou a ser líder na liga, antes de ir perdendo partidos e puntos.

As posibilidades de xogar na Superliga
O cadro de xogadoras do Olivo Novaxove ten unha media de idade de 19 anos. Ningunha cobra, e o orzamento total do clube é de 30 mil euros, estando a media dos equipos da primeira liga feminina estatal en 120 mil euros; mais as viguesas confían nas súas posibilidades. Saben que é moi difícil pero non imposíbel.

As súas xogadoras fan parte tamén das irmandiñas do fútbol galego, a acabada de crear selección galega feminina de fútbol, dirixida por Pili Neira, quen tamén dirixe o Orzán.

Orzán e Galicia Gaiteira dan un paso máis cara a fase de ascenso
O Orzán é un dos clubes da Liga Galega feminina que esta fin de semana comezaba a xogar o seu pase para a fase final de ascenso a Primeira Estatal. O clube, vixente campión da Liga Norte, gañoulle por 2-4 á Unión Guardesa.

O outro equipo coruñés nesta fase é o Galicia Gaiteira, que tamén conseguiu vencer, no primeiro partido contra o Bértola, por 1 a 0. Aínda quedan os partidos de volta que se han xogar a vindeira fin de semana, pero ámbolos dous equipos teñen dado un paso xigante camiño da final.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cadro de xogadoras do Olivo Novaxove
Cadro de xogadoras do Olivo Novaxove
As xogadoras do Olivo celebrando o pase á fase de ascenso na fonte das Travesas, en Vigo
As xogadoras do Olivo celebrando o pase á fase de ascenso na fonte das Travesas, en Vigo
E antes, no campo...
E antes, no campo...