Alberto Núñez Feijoo, anuncia "axustes" no PP de Ourense pero confirma a continuidade do barón provincial.
A noutrora infalíbel máquina electoral do PPdeG en Ourense perde gas. O propio Xosé Luís Baltar recoñeceu logo das pasadas eleccións xerais que había signos preocupantes para a dereita. A pesar de ser aínda hexemónicos, os populares perderon sete puntos con respecto a 2004, cando lograran o 55% dos votos.
Ourense é a única provincia do país onde o poder interno do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, se ve claramente limitado. Porén, o noutrora chamado “sector do birrete” cre que agora é ineludíbel unha renovación. Este xoves comezaron os primeiros pasos. Feijoo anunciou “axustes” nos órganos de dirección do PP ourensán aínda que reafirmou o liderado de Baltar.
Feijoo quere un partido que non basee toda a súa forza no poder local. O presidente dos conservadores galegos sabe que Baltar ten a súa mellor baza nos alcaldes. Porén, tamén é consciente de que a maquinaria ourensán é indispensábel para manter algunha opción de cara as vindeiras autonómicas: “É moi difícil manter unha porcentaxe do 48% pero temos que subir dous ou tres puntos e sobrepasar o 50%”.
Baltar quere capitanear a renovación
O número un do PP ourensán declarou este venres na Radio Galega que están a buscar afiliados de base e persoas alleas ao partido. Baltar recoñece que é preciso un cambio de caras. Porén, o presidente provincial xa deixou claro que non pensa abandonar o barco nin ser un oficial máis a bordo. Con 67 anos de idade sabe que o seu tempo político non é eterno, aínda así quere manter o temón da nave ourensán até, polo menos, 2011, cando expira o seu mandato á fronte da Deputación.
Mais fontes consultadas por este xornal subliñan que na folla de ruta do ourensán está o xestionar o propio posbaltarismo, o nome do seu propio fillo volve a ruxir nalgúns cenáculos da política provincial para espanto dos “birretes” que controlan todo o aparato do PPdeG.