Segue o percorrido do facho olímpico, que vai ser recortado en Indonesia para evitar as protestas. Esta quinta feira o primeiro ministro británico dixo que non vai asistir á inauguracións do Xogos.
O presidente do Comité Olímpico Internacional (COI), Jacques Rogge, pediulle á China que lembrase o seu compromiso de defender os dereitos humanos no Tíbet, argumentando, ao tempo, que os promotores da candidatura dixeron que as Olimpíadas habían adiantar a axenda social chinesa nesta materia.
Ao tempo, as protestas desenvolvidas en Londres, París e San Francisco fixeron que Indonesia, país polo que ha discorrer o facho olímpico o vindeiro 22 de abril, decidise recortar o percorrido previsto na capital, Iacarta (agora, no canto de percorrer os 22 quilómetros previstos ha dar unha volta por un complexo deportivo da cidade, acompañado e vixiado por 1.500 policías).
Do lado europeo chegaron informacións do gabinete do primeiro ministro británico, Gordon Brown, que aseguraban que non vai asistir á inauguración do xogo, mais quitáronlle ferro dicindo que Brown non ten intención de enviar unha mensaxe de protesta ao goberno chinés.
Mudan o percorrido do facho en San Francisco, evitando as mobilizacións
As protestas contra a presenza do lume olímpico en San Francisco fixeron que se mudase o percorrido previsto unha hora despois de comezar a carreira. Finalmente, após mudar o percorrido, as autoridades da cidade californiana decidiron suspendelo definitivamente para evitar os enfrontamentos, ao tempo que escoltaban o facho de volta cara o aeroporto.
No pouco percorrido que fixo, o lume olímpico foi escoltado por un cordón policial de tres ringleiras: a primeira de axentes a pé; a segunda de axentes en bicicleta; e a terceira, de axentes en moto. Preto dos lugares previsibelmente máis conflitivos, xuntáronse grupos pro-chineses, moitos chegados en autobuses organizados polo consulados chinés (hai que lembrar que a cidade de San Francisco ten a meirande colonia chinesa, lonxe do seu país de orixe).
Horas antes as reivindicacións foran dirixidas polo Nobel da Paz, Desmond Tutu, e o actor Richard Gere, que xuntaron milleiros de persoas na Praza das Nacións Unidas, reivindicando a liberdade do Tíbet. Tute dixo entón que agora que todo o mundo ten os ollos postos sobre a China, fai falta que os dirixentes políticos do planeta se fixesen fortes por facer respectar os dereitos humanos.
As preocupacións chinesas
O lume olímpico, que se acendeu en Grecia o pasado 24 de marzo, vai percorrer uns 20 países antes de chegar a Beixín, o 8 de agosto, día inaugural dos XXOO.
As autoridades chinesas están preocupadas, sobre todo, polo que poida pasar no percorrido do facho polo Tíbet e xa advertiron que han castigar duramente a quen queira para o relevo do facho nesta rexión e na ascensión ao Everest.