Esíxenlle a unha coprodución galego-catalá filmada en Porto do Son que se dobre ao castelán para ser distribuída.
Bolboreta, mariposa, papillona. O filme do catalán Pablo García, producido por TVG e Ficción Producción polo lado galego, e Doble Banda e Eddie Saeta polo catalán é unha declaración a prol da convivencia das linguas dende o propio título. E tamén no seu desenvolvemento, pois está filmada en catalán, catelán e galego, case a partes iguais. A parte galega filmouse en Porto do Son e Outes.
O filme está protagonizado por Fele Martínez (gañador dun Goya por Tesis) e participou en festivais de cinema de renome internacional como Donosti, Karlovy Vary, Montpellier, Nova York, ou Turín. Porén, non atopa unha distribuidora que queira exhibir a película en España. Esíxenlle que a dobren e néganse a mercar un filme en versión orixinal subtitulada, que como de costume, fica fóra dos circuitos comerciais. A iso únese o feito de que fose rodada en galego e catalán.
Financiamento
A película tivo problemas por este motivo dende o inicio, no proceso de conseguir finanzamento. Por exemplo, TVE negouse a achegar fondos para a película, segundo a produtora Doble Banda, porque "en televisión non se pode emitir un filme que comece con subtítulos" (as primeiras escenas están gravadas en catalán). Paradoxalmente tampouco tivo finanzamento público en Cataluña, dado que tan só o 31% do filme está en catalán, polo que non puido optar ás subvencións da Generalitat, "que si recibiu, por exemplo, Spiderman, tan só por estar doblada ao catalán", láianse na produtora.
E todo isto malia ás boas críticas recibidas, como a publicada en Avui "... sens dubte un dels exercicis més singulars que ha donat el cine de l'Estat espanyol dels darrers anys. Es tracta d'una oportunitat única, no la deixeu passar". Ou Cahiers du cinema: "Una obra limpia hecha de imágenes honestas, concebida con la determinación moral de respetar al máximo la verdad de las criaturas filmadas"
Distribución
Se financiar unha película é difícil, a distribución funciona como un oligopolio no que as pequenas produtoras e os filmes menos convencionais ven case imposíbel chegar ás salas. "Quérennos facer crer que non hai público para este cine, pero si que o hai, o problema é como conectamos con el, como chegan a coñecer estas persoas a existencia de determinado filme".
Bolboreta, mariposa, papillona foi estreada en Noia o 4 de abril de 2007, e será emitida pola TVG. Porén, conta tan só con tres copias (dúas con subtítulos en castelán e unha en catalán), e está sendo exhibida en lugares moi puntuais, principalmente en Catalunya, en pequenos cines, sobre todo. Non se trata dun problema novo; vemos como en Galiza Pradolongo, malia ao seu éxito, ten que exhibirse cada semana nunha localidade, ao non dispoñer de máis copias.