Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INICIATIVA DO ACNUR

As crises humanitarias xa teñen o seu sitio en Google Earth

As novas tecnoloxías serven para amosar o traballo das Nacións Unidas e denunciar conflitos ocultados polos gobernos.

Redacción - 19:58 08/04/2008

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) está a aproveitar os recursos de Google Maps e Earth para poñer no mapa as principais crises humanitarias do planeta e as actividades que desenvolven as axencias da ONU para palialas. O alto comisionado adxunto para os refuxiados, Craig Johnstone, dixo que o ACNUR quere difundir as súas actividades grazas a un software como Google Earth, que leva 400 millóns de descargas.

Nos mapas hai tres niveis de detalle: unha visión xeral das grandes áreas de traballo da axencia: Darfur/Chad, Iraq, Palestina e Colombia, e o impacto que teñen en Sudán, Siria e Ecuador; un segundo nivel que amosa a vida dos exiliados e un terceiro dos campos de refuxiados.

O ACNUR baseouse nunha experiencia similar posta en marcha hai un ano polo Museo da Historia do Holocausto dos EUA (USHMM), que marcaba as zonas de Darfur onde había estragos, asasinatos ou agresións. Aínda que o goberno do Sudán negou o xenocidio, a través de Google Earth pódese acceder a imaxes e informes detallados das aldeas destruídas e dos campos de refuxiados que amosan unha visión ben diferente da oficial.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: