Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Axudas

O programa Arlinga achega 600.000 euros para a supervivencia das redeiras

Facilitarán o pago da Seguridade Social a aquelas que non o poidan facer, e fomentarán a constitución de cooperativas e a estabilidade laboral.

Redacción - 17:31 08/04/2008

Actualmente existen preto de 700 redeiras rexistradas legalmente en Galiza, mais o 65 por cento do total traballa de forma ilegal. Trátase dunha profesión tradicional no noso país, pero tamén moi mal tratada en canto a condicións laborais, discriminación sexista, e tamén pola ilegalidade e o intrusismo existentes. Para tentar atallar este problema, a Vicepresidencia da Xunta presentou o programa Arlinga, a través do cal achegará máis de 600.000 euros en axudas individuais que buscan a profesionalización e a estabilidade laboral do sector.

O programa contempla axudas anuais que permitirán ás redeiras facer fronte aos custes da Seguridade Social, ademais de obradoiros de formación e axudas ás asociacións que creen cooperativas a través das cales unificar prezos e acadar unha competitividade maior. Dende o programa, búscase tamén "aumentar a visibilidade do traballo das redeiras, símbolo de identidade de Galiza", segundo indicou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante o acto de sinatura deste protocolo coa Federación Galega de Redeiras Astesás O Peirao.

Os cursos de formación nacen "para converter ás redeiras galegas nas mellores do mundo", segundo afirmou o vicepresidente, polo que se desenvolverán obradoiros nas 12 localidades nas que se sitúan as sedes das asociacións redeiras integradas na federación, e que darán comezo a primeira semana de maio en Cangas, Malpica, Aguiño, A Guarda e Porto do Son para logo continuar até chegar a 12 portos galegos.

A lacra do intrusismo

O problema máis grande que ameaza ás redeiras é o do intrusismo. Segundo indica a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Evangelina Martínez, as redeiras ilegais, ademais de non pagar a Seguridade Social, "traballan a prezos moi baixos, obrigándonos a traballar a nós por ese prezo", o que supón traballar moitas horas para obter moi pouco beneficio.

Segundo a presidenta da federación, as artes da pesca de cerco están máis estabilizadas, as traballadoras fan xornadas de 8 horas, mais nas artes menores, as xornadas chegan a ser incluso de 14 horas, para cobrar prezos tan mínimos como 2 euros por traballo realizado.

O programa Arlinga "é o paso máis importante que demos as redeiras" opina Evangelina Martínez, "xa que promove a nosa faceta como empresarias". Mais aínda queda un longo camiño por percorrer, "teñen que involucrarse outras consellarías como a de Traballo, porque para nós é imposíbel solucionar o problema do intrusismo, hai unha economía mergullada que nós soas non podemos sacar a flote".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: