As mocidades do grupo celebran unha xornada de formación este sábado e desmárcanse da "suposta dirección" electa o pasado domingo.
Organizan as xornadas "Construíndo nación, transformando a sociedade"
"Esquerda Nacionalista-Mocidade xa non ten nada que ver nin con Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, nin con Xosé Chorén nin con Xoán Rama Trillo ni co resto de compoñentes dunha dirección ilegal e ilexítima", explican desde a formación nun comunicado. O actual voceiro nacional do colectivo, Paulo Carlos López, explica que se desvencellan organicamente da "suposta" dirección electa o domingo pasado e que Esquerda Nacionalista-Mocidade "non renderá ningún tipo de contas políticas".
Ao tempo que manteñen a convocatoria de asemblea nacional de Esquerda Nacionalista para o próximo 10 de maio, aseguran ser "lexítimos propietarios das siglas", malia que non descartan evitar o tirapuxa por elas e optar por unha refundación cara á creación dun "espazo aberto e unificador do socialismo democrático galego, leal e construtivo co BNG". "O 10 de maio decidiremos entre todos e todas o que queremos facer, reformularemos o noso proxecto, faremos un esforzo colexiado, porque coa nosa achega conseguiremos un BNG forte, participado, soberanista, de esquerdas, e con maiores cotas de expansión na sociedade", sosteñen.
Por outro lado, Esquerda Nacionalista-Mocidade organizou para esta fin de semana unhas xornadas de formación en Betanzos, baixo o título "Construíndo nación, transformando a sociedade". Participarán entre outros Xosé Manuel Beiras e Xabier Macías, cun relatorio titulado Altermundo, abaixo á esquerda está o corazón; Xoán Carlos Bascuas, quen falará baixo o título "O nacionalismo e a política de vivenda", e Vítor Meizoso, Xabier López e Abel López Soto, no espazo "Políticas sociais e de benestar nos concellos, facendo nación".