Verdegaia advirte sobre o uso daniño que os excesos do turismo poden ter sobre o Parque Natural das Illas Atlánticas
Baixo o lema "Cíes, a mellor praia do mundo", o Concello de Vigo está a promocionar o Parque Natural das Illas Atlánticas como destino turístico de sol e praia. Os responsábeis desta iniciativa colocaron xa 28 sinais indicadores con esta consigna por toda a cidade, feito que se opón aos obxectivos de conservación e protección cos que foi creado este espazo natural.
Segundo indica o colectivo ecoloxista Verdegaia, dende o concello se está a "explotar o turismo máis daniño" en lugar de promocionar actividades "relacionadas coa difusión dos valores naturais e ambientais das illas Cíes". O esencial para a asociación é "protexer a integridade dos ecosistemas marítimos e terrestres" así como o "fomento e a divulgación dos seus valores ambientais".
Para acadar estes obxectivos, Verdegaia pretende modificar a percepción das Illas Atlánticas como destino de praia e sol, e propón ampliar o transporte até o Parque a todo o ano (polo de agora, as liñas marítimas só funcionan no período estival), para atraer a moitos visitantes interesados polos valores naturais.