Olímpicos/as galegos/as de hoxe e de onte, ademais de deportistas de elite e nenos e nenas, han portar o lume.
Comeza a conta atrás para os Xogos Olímpicos e Parolímpicos de Beixín e Galiza tamén está representada, e ademais por deportistas con opcións de lograr medalla (Gómez Noya, David Cal, Paz e Echávarri...) e facernos partícipes dos seus éxitos.
Para apoialos a Consellaría de Cultura e Deporte vai xuntar ámbolos dous conceptos principais do seu nome para organizar o percorrido que vai facer o noso facho olímpico propio, que ha partir esta quinta feira da Torre de Hércules (escollida por ser, ademais, candidata para ser elixida Patrimonio da Humanidade pola UNESCO).
Todo o mundo pode acompañar o facho olímpico galego
A vindeira quinta feira 3 de abril, a partir das 17:00 horas, o facho galego sairá da Torre portado por deportistas de onte, de hoxe e de mañá, olímpicos/as galegos/as, deportistas con opcións de acadar a súa primeira participación olímpica, nenos e nenas das escolas municipais da Coruña e todo aquel que queira acompañalos.
Hanse correr case catro quilómetros até a explanada do Pazo dos Deportes, onde estará colocada a carpa "Galiza, nos xogos olímpicos de Beixín" e onde será presentado o programa da Dirección Xeral para o Deporte para dar a coñecer as Olimpiadas, as diferentes modalidades deportivas e aos e ás nosos/as deportistas que estarán presentes neste Xogos, e os que estiveron presentes nos pasados.