Ao tempo soubemos que Ana Ferradás conseguiu o seu terceiro título de campioa de España nos 100 Km, e que as mozas galegas destacaron no Mundial de Cross, en Edimburgo.
Manuel Hurtado
A Federación Española de Atletismo e o Consello Superior dos Deportes acaban de dar a coñecer a selección de atletas que han representar ao Estado Español no Campionato do Mundo de Campo a Través Universitario, que se ha disputar na localidade francesa de Mauquenchy o vindeiro domingo 6 de abril.
Na listaxe, integrada por seis atletas, está o mozo galego Manuel Hurtado Sanjurjo, do Academia Postal. O atleta lugués leva un tempo compaxinando adestramentos de marcha cos de campo a través, e participou aínda hai nada no Estatal de Campo a Través, onde tamén estaban Paula Mayobre e Sandra Mosquera (na categoría júnior, onde conseguiron varias medallas: dúas pratas e un bronce para Sandra Mosquera Losada; e un bronce para Paula Mayobre).
Estas dúas atletas competiron esta fin de semana no Campionato do Mundo de Campo a Través, disputado en Edimburgo (Escocia) e protagonizaron a boa actuación que tivo en xeral o atletismo galego dentro do combinado estatal. De feito Sandra Mosquera, a actual campioa galega, entrou na meta de 37, a só 32 segundos da primeira española en chegar, a fondista Cristina Jordán (19). Mayobre tamén cumpriu as expectativas, entrando no posto 52.
Terceiro título para Ana María Ferradás
Xa son tres os títulos de Campioa Estatal nos 100 quilómetros que garda Ana María Ferradás, atleta do Club Atletismo Ribadeo.
O pasado domingo chegou o terceiro no circuíto madrileño, nunha carreira que, a pesares da nefasta climatoloxía, foi dominada pola galega, que comezou a competir cando tiña 28 anos e agora é capaz de lle gañar a competidoras moito máis novas e con máis horas de adestramento ca ela.