O recinto albergará un Centro do IBBY de Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural.
Galiza converterase a partir de 2009 nun dos centros neurálxicos da literatura infantil e xuvenil, tras a sinatura do convenio entre a Consellaría de Cultura e o International Board on Books for Young People (IBBY), polo que a Biblioteca Nacional acollerá un Centro IBBY para a conservación de fondos en linguas e culturas minorizadas. Trátase do segundo centro que esta entidade apoia e promove dende a súa fundación en Oslo en 1985.
O convenio, asinado no marco da Feira de Literatura Infantil de Boloña, tamén contempla a celebración do 32º Congreso Internacional do IBBY na capital galega para 2010, baixo o lema "A forza das minorías". Segundo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, este acordo supón unha "nova oportunidade para avanzar na internacionalización da nosa cultura", e acádase grazas á "forza e prestixio que a literatura galega infantil e xuvenil acadou nas últimas décadas".
O estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos será o obxectivo deste centro, que tentará facer visíbeis no mundo os textos escritos para os cativos en linguas minorizadas e contará cunha ferramenta virtual que facilitará o acceso aos seus fondos dende calquera parte do mundo.