Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIOS MARÍA CASARES

Arriba o pano: A gran festa do teatro

A escena galega entrega os seus galardóns anuais na Coruña, onde se lerá un manifesto escrito por Suso de Toro.

Redacción - 14:45 27/03/2008

O Teatro Rosalía da Coruña coñecerá esta noite, a partir das oito e media da tarde, os gañadores do ano teatral galego. Son os Maria Casares, os premios entregados pola Asociación de Actores e Actrices (AAAG), e que nesta edición conta como favoritas con A piragua, Noite de Reis (ambas as dúas do Centro Dramático Galego) e As últimas lúas (de Lagarta Lagarta), as tres obras nominadas aos principais galardóns (mellor espectáculo e mellos director) e que acumula o meirande número de candidaturas (Noite de Reis ten nove, As últimas lúas oito, e A Piragua sete). Na cerimonia de entrega dos premios, que conmemoran os 30 anos de teatro profesional en Galiza, Rubén García, alma da Mostra de Teatro de Ribadavia, recibirá o premio de honra Marisa Soto.

Nesta xornada O IGAEM quixo salientar "o bo momento" que viven as artes escénicas en Galiza, debido á calidade de autores e profesionais e á existencia dun público para os espectáculos. Dende a Consellaría de Cultura asúmese "a responsabilidade dun traballo a longo prazo" para fortalecer o sector. Entre outras acciones o Plano Galego das Artes Escénicas 2008-2011 contará cun investimento global de 66 millóns de euros.

Os María Casares coinciden co Día Mundial do Teatro, creado en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI). Neste día realízanse actos e espectáculos en todo o planeta, e distribúese un manifesto realizado cada ano por unha personalidade das táboas, nesta ocasión o dramaturgo, director e actor quebequés Robert Lepage. No Manifesto, Lepage escribe que A supervivencia da arte dramática depende da súa capacidade de se reinventar asumindo as novas ferramentas e as novas linguaxes. Se non, como podería o teatro seguir sendo testemuña dos grandes feitos da súa época e promover o entendemento entre os pobos, se el mesmo non dá probas de apertura? Para representar o mundo en toda a súa complexidade, o artista debe propor formas e ideas novas e confiar na intelixencia do espectador, capaz de distinguir a silueta da humanidade neste xogo perpetuo de luces e sombras. E é certo que de tanto xogar con lume, o ser humano corre o risco de se queimar, pero ten tamén a posibilidade de abraiar e iluminar.

Ademais, este xoves difundiráse un manifesto galego, escrito por Suso de Toro, no que se afirma que o teatro "ten que inventar de novo o teatro, como cada neno inventa, descobre, al adulto que leva dentro". O texto destaca ademais que os profesionais galegos construíron o seu oficio practicamente dende a nada e nel deféndese a validez do teatro nuns tempos tan rápidos e tumultuosos como os actuais, porque nos fai "oír e ver a vida". Sobre o teatro galego, o manifesto apunta que "aínda non é coma todos, coma os demáis teatroa", xa que, "despois de se inventar a si mesmo, aínda ten que inventar o seu público".

Candidatos aos María Casares
Nesta noite Cándido Pazó (A piragua), Quico Cadaval (Noite de Reis) e Xulio Lago (As últimas lúas) están nominados ao premios de mellor dirección, o mesmo que as súas obras ao de mellor espectáculo.

Será tamén a noite dos actores e actrices. Nas interpretacións os candidatos a mellor actor protagonista son Ernesto Chao (As últimas lúas), Marcos Orsi e Víctor Mosqueira (ambos por Noite de Reis). Ao premio á mellor actriz optan Luisa Merelas (O Burgués Fidalgo), Rebeca Montero (Noite de Reis) e Susana Dans (A Piragua). En canto aos secundarios, nos homes competirán Artur Trillo (As últimas lúas), Manu Fernández (A bombilla máxica) e Xan Cejudo (Noite de Reis); e nas mulleres Mónica Camaño (Emigrados), Rosa Álvarez (As últimas lúas) e Susana Dans (Noite de Reis).

E a dos escritores e dramaturgos. Á categoría de mellor texto orixinal optan tres obras: Boas noites (escrito por Paula Carballeira), A Piragua (de Cándido Pazó) e Emigrados (Anxos Sumai, Cándido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos). En canto ao premio á mellor adaptación, os tres finalistas son A bombilla máxica (Avelino González e Olga F. Nogueira), As últimas lúas (Cándido Pazó) e Romeo e Xulieta (Eduardo Alonso).


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: