Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo PSdeG-BNG

Mos terá o seu "bipartito"

Despois de case un ano de goberno do PSdeG en minoría, socialistas e nacionalistas sumarán os seus seis e tres edís respectivos nun pacto de goberno.

Redacción - 09:00 27/03/2008
Tags: Mos pacto

Os votos do BNG xa serviran nos últimos meses para manter na alcaldía de Mos a socialista María Xesús Escudero, líder da lista que obtivo o 30,3% dos votos e 6 asentos no Concello de Mos nas últimas eleccións municipais. Co 19,5% do apoio e 3 concelleiros, o BNG completará agora a través dunha coalición unha maioría fronte ao 44,4% de apoios e 8 edís que obtivo o PP neste municipio.

Este mércores, as dúas formacións recoñecían que a sinatura do acordo é inminente e adiantaban que mesmo se chegou xa a consenso para a repartición de áreas de goberno. Así e todo, as dúas formacións pretenden chegar ao peche definitivo do pacto xa cos orzamentos municipais debatidos. O PsdeG asumirá as áreas de Economía e Facenda, Patrimonio, Urbanismo, Servizos Sociais, Deportes, Educación, Formación e Emprego, e Servizos. O BNG terá ao seu cargo os departamentos de Cultura, Medio, Parques e Xardíns, Vías e Obras, Xuventude e Limpeza Viaria.

Con detalles por pechar
Malia este primeiro paso, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Olla precisou que "aínda queda moito camiño por andar, e non se pode dar o pacto por selado". Así, recordou que quedan pendentes de acordo "cuestións básicas" como a asignación presupostaria e de persoal de cada departamento.

Así mesmo, hai unha proposta para que os nacionalistas teñan dúas dedicacións exclusivas, e o PSdeG teña outras dúas, ademais da da alcaldesa, aínda que aínda non se concretou. Do mesmo modo, queda por definir o sistema para contratar persoal de libre designación (persoal de confianza e asesores), a participación na Comisión de Goberno. A alcaldesa de Mos mostrou a súa satisfacción polo avance nas negociacións cos nacionalistas e subliñou que o Goberno municipal do PSdeG "non estivo parado" nos dez meses transcorridos dende as eleccións.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: