O Concello de Carballo volve con este concurso para promover e prestixiar o emprego social da lingua galega. O premio: cartos e a posibilidade de publicar en nove medios de comunicación do país.
O Concello de Carballo convoca, por cuarto ano consecutivo, o IV 'Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores', que concede dous galardóns de 1.000 e 350 euros e a posibilidade de publicar os dous artigos escollidos polo xurado nos nove medios de comunicación escrita que colaboran nesta iniciativa (A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos e Vieiros).
A iniciativa xurdiu hai catro anos en Carballo, a través do servizo de Normalización Lingüística do Concello, para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma e incentivar o emprego da nosa lingua na prensa escrita.
Os artigos xornalísticos que se presenten deben ser inéditos e teñen que abordar o tema da defensa e a promoción da lingua galega. Neste sentido, os traballos poden incluír propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística, reflexións sobre a lexislación e os dereitos lingüísticos, sobre accións de impulso ao uso social do galego... Os traballos poden presentarse até o vindeiro 18 de abril, e as bases completas podes consultalas nos documentos relacionados con esta noticia ou na web do Concello de Carballo. Para máis información tamén se pode chamar ao número 981 704 304.