"Hai que poñer caras novas", explica o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto dos cambios pendentes a nivel local.
Serán "axustes" en todas as provincias, segundo recoñeceu o presidente do PP en Galiza, Alberto Núñez Feijoo, en entrevista nos micrófonos da RNE. Núñez Feijoo destacou que diante do proceso que vén na formación, o presidente do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, puxo o seu cargo "a disposición" do partido, logo de ser Ourense a provincia onde maior descenso experimentou o PP nos comicios do 9 de marzo. Do mesmo xeito, salientou tamén a outra promesa de dimisión, a de Xoán Juncal, presidente do PP coruñés, aínda que neste caso a proposta de renuncia non a realizou Juncal por vía interna, senón "a nivel mediático" e condicionando o seu propio relevo ao nomeamento de Carlos Negreira, líder do PP na cidade herculina.
En todo caso, no que lle toca a Ourense, Alberto Núñez Feijoo dixo que Xosé Luís Baltar "segue sendo un activo e contando" no PPdeG. Así, indicou Feijoo que "a renovación non vai pasar por quitar a un membro, pois hai moitos presidentes locais que teñen o seu proxecto esgotado e hai que poñer caras novas". O líder do PP galego avanza así un proceso de cambios que comezará por abaixo e irá cara a arriba, sendo o propio Baltar o último chanzo a modificar, nun proceso onde a dirección actual do PPdeG aspiraría a tomar á fin o control do sector do partido que máis por libre se moveu até o de agora.