Son datos para o ano 2007, recollidos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade. Segundo estes, tamén somos os terceiros cunha cota hipotecaria mensual media máis baixa: 652 euros.
Por detrás de Cataluña e Canarias aparece Galiza como a terceira Comunidade Autónoma do Estado Español na que máis caeu a compravenda de pisos en 2007 (un 19,39 por cento).
As únicas Comunidades nas que medrou a compra e a venda de pisos son Castela-A Mancha e A Rioxa, con crecementos do 1,90 e o 1,93 por cento respectivamente.
En todo o Estado a compravenda de pisos baixou un 14 por cento respecto do ano 2006, e a redución máis importante produciuse nas vivendas usadas (15%).
A duración dos créditos hipotecarios toca o teito
Segundo os datos do Colexio de Rexistradores da Propiedade aos que corresponden estas cifras, a duración dos créditos hipotecarios formalizados para a compravenda de vivenda chegou aos seus máximos o ano pasado, acadando o límite dos 28 anos. Para o Colexio este feito deixa ver que esta cifra pode tender á estabilización ou mesmo ao descenso.
Por outro lado está a cota hipotecaria mensual, que neste período chegou aos 830,98 euros (en datos para o conxunto do Estado, unha cantidade que representa o 51,68 por cento dos salarios, e que supuxo un aumento do 7,06 por cento respecto do mesmo período de 2006).
As Comunidades Autónomas con maior cota hipotecaria foron aquelas nas que tamén están máis caros os pisos (Madrid, Baleares, Cataluña e País Vasco), mentres que Galiza pecha a listaxe, seguindo a Estremadura e Asturias, con cotas de 500,12, 644,21 e 652,45 euros respectivamente.
En canto ao financiamento hipotecario sobre a vivenda, os rexistradores conclúen que, durante o último trimestre do ano pasado as Caixas de Aforro foron ás que máis acudiron os cliente procurando unha hipoteca (56,27 por cento), seguidas dos Bancos (35,23 por cento) e doutras entidades financeiras (8,50 por cento).