Afirman que a Consellaría de Educación non se está a preocupar dos incumprimentos que se dan na maioría dos centros.
O decreto de galeguización do ensino non universitario, aprobado polo Consello da Xunta en xuño do ano pasado non se está a aplicar. Así o denunciaron este xoves nunha conferencia de prensa en Compostela Carlos Callón, da Mesa pola Normalización Lingüística; Anxo Louzao, da CIG-Ensino; e Xoán Costa, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Os representantes das tres entidades acusan á Consellaría de Educación de non ter o mínimo interese polo cumprimento do decreto.
As tres organizacións coinciden en sinalar que o fracaso na aplicación do decreto é responsabilidade exclusiva do departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón. Cando xa transcorreu a metade do curso, a consellaría non promoveu o coñecemento do decreto entre o profesorado. Anxo Louzao subliñou que os docentes non están a recibir ningún tipo de formación específica para que poidan aplicar a normativa con éxito. Mais os problemas son tamén estruturais xa que nestes momentos a consellaría non dispón dunha subdirección xeral de Normalización Lingüística que poida asesorar aos centros e tamén velar polo cumprimento do decreto nos mesmos.
A insubmisión non se penaliza
Os representantes dos colectivos sinalaron que a inmensa maioría do profesorado é proclive á aplicación do decreto. Porén, tamén recoñeceron que hai casos puntuais de “insubmisión” deliberada ao decreto. Así o propio Carlos Callón sinalaba que era incomprensíbel que as autoridades educativas non requirisen aínda a algúns docentes que indicaron por escrito que non cumprían o decreto.
O propio Anxo Louzao fíxolle unha advertencia a Educación, se non se toman medidas antes de que remate o curso para corrixir a situación vanlle pedir aos equipos de normalización lingüística que presenten a súa dimisión como medida de protesta.