Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AS BIBLIOTECAS EN GALIZA (e II)

Locais pequenos, falta de persoal e poucos préstamos

Os bibliotecarios reclaman maior financiamento para superar os problemas estruturais que historicamente arrastra a rede galega.

Marcos S. Pérez - 09:00 26/03/2008

No Estado Español en xeral, e en Galiza en particular, lese pouco e os índices de lectura están moi lonxe da media europea. As bibliotecas son, xunto coa escola, os grandes promotores do libro, mais até o momento, os fondos destinados ao sistema bibliotecario fican moi lonxe dos desexábeis. María Isabel Blanco (presidenta de Anabad Galicia) lembra que o noso país "leva moitos anos de retraso en materia biliotecaria".

E aínda que lembra que "este goberno ten unha especial sensibilidade polo fomento da lectura", segue habendo un gran problema estrutural, sobre todo de infraestruturas: "temos un exemplo moi cerca: Valença do Minho conta cunha biblioteca de tres mil metros cadrados, mentres que aquí as bibliotecas comparten as súas instalacións con outros servizos, o que non está mal, pero os mellores espazos sempre se destinan a outros usos". Polo tanto Anabad Galicia reclama "un plan de investimento acordado entre as tres administracións".

A situación das bibliotecas galegas é peor cá do resto do Estado, algo especialmente preocupante se temos en conta que o gasto nas bibliotecas públicas españolas é máis de tres veces inferior á media da UE. En Galiza hai 591 bibliotecas e 755 puntos de servizo. O ratio de habitantes por biblioteca (3.603) é mellor que a media estatal (5.463), o que se explica pola dispersión poboacional e a gran cantidade de núcleos de poboación. De feito, os datos gaegos só son melloradas por Aragón, Extremadura, Castela A Mancha. Das 591 bibliotecas existentes en Galiza, máis de 500 contan con equipos informáticos, 496 con impresoras e 383 con escáneres. De igual xeito, ao redor de cincocentas contan con acceso a Internet, aínda que só 83 conta cunha web de seu.

Outros datos son menos optimistas. Os galegos acoden máis ás bibliotecas (4,86 visitas por persoa e ano) que o conxunto dos habitantes do Estado (4,42), pero consultan moitos menos libros (1,09 por persoa e ano), fronte a 1,55. Só en Valencia, Cantabria, Canarias e Andalucía cóllense menos libros que en Galiza. En todos os casos, moi lonxe dos ratios europeos, ao redor de tres libros emprestados por habitante.

Falta de persoal
Para os bibliotecarios galegos o outro gran problema é a falta de persoal. Nos últimos anos avanzouse moito na informatización das bibliotecas, e xa hoxe todos os centros de Galicia teñen acceso a Internet. Tamén se investiu na compra de fondos, que aumentaron por riba da media do Estado, "pero de que serve ter moitos fondos se non tes persoal?", láiase María Isabel Blanco, que reclama que "cómpre aumentar o número de bibliotecarios, e a súa formación, sobre todo tendo en conta que agora Biblioteconomía é xa unha licenciatura".

O ratio de bibliotecarios por cada 2500 habitantes sitúase en Galiza en 0,16, case catro veces menos ca no conxunto do Estado (0,59). A situación é aínda máis grave, se temos en conta que a media galega aparece moi desiquilibrada polos bos datos da Coruña (1,38 bibliotecarios por cada 2500 cidadáns) e de toda a súa área metropolitana, mentres que o resto do país presenta unhas cifras preocupantemente baixas. E a situación non é mala unicamente na zona rural, pois mesmo Vigo presenta un ratio de 0,28, menos da metade da media estatal e cinco veces inferior ao da Coruña.

En total, traballan nas bibliotecas galegas 1.616 persoas (2,73 por biblioteca e 2,14 por punto de servizo), mentres que a media do Estado (con máis de 23 mil traballadores) está por riba das 3,6 persoas por biblioteca. Deses 1.616 traballadores totais só 425 son bibliotecarios (menos de un por centro), 575 son auxiliares de biblioteca. Ademais, na cifra total inclúense 506 traballadores na categoría de "outro persoal", 267 en "persoal non incluído en plantilla", 88 en "bolseiros" e 179 en "voluntarios".

Fomento da lectura
A Consellaría de Cultura dedicará ao longo de 2008 un total de nove millóns de euros ao fomento da lectura e da edición en galego, cun incremento do 26% con respecto ao 2007. Deles, 4,3 millóns destinaranse ás bibliotecas, con importantes partidas para a adquisición de fondos (2,4 millóns), os equipamentos das bibliotecas municipais (500.000 euros) e a formación (316.000 euros).

Así mesmo, en abril, uns días antes da celebración do Día Internacional do Libro (o día 23) poñerase en marcha unha nova campaña de promoción do libro e a lectura, cun investimento de 1,3 millóns de euros. Os obxectivos desta campaña son integrar a lectura entre os hábitos da poboación galega, favorecer o mercado do libro e promover a utilización das bibliotecas públicas. Para iso deseñaranse accións participativas e unha estratexia completa de comunicación, nas se terán en conta os cambios de hábitos nos lectores que se producen ao longo do ano.

En total, dende agora e até o 2011 dedicaranse máis de 50 millóns de euros ao Plan de Fomento da Lectura, aprobado na Mesa do Libro.


4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: