Galiza contará cunha potencia de 6.500MW en 2012. Até daquela haberá un volume de investimento de 5.500 millóns de euros e crearanse arredor de tres mil postos de traballo.
Transparencia, responsabilidade social e bloqueo á especulación son factores básicos sobre os que se define o novo decreto de regulación do aproveitamento da enerxía eólica. Este mércores presentouse a orde que o desenvolverá, e coa que, segundo explicou o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, a Xunta pretende que esta enerxía pase a ser "un factor de dinamización económica" no país.
Deste xeito, entre os criterios a considerar para a admisión das solicitudes de iniciativas eólicas, aparece a proposta de participación pública no proxecto, os instrumentos financeiros para a participación do aforro dos particulares e a indicación de fórmulas de implicación dos propietarios dos terreos. A suma destes tres factores poderá outorgarlle até 30 puntos sobre 100 aos proxectos presentados.
“Agora a nosa política eólica planificámola en Galiza, mirando polos intereses de Galiza e dos galegos e galegas, tendo en conta as súas necesidades de abastecemento para permitirlles mellorar a súa calidade de vida”, afirmou ao respecto da nova planificación o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Unha estratexia que trata de acabar cun escenario onde o noso país, e malia o amplo número de muíños eólicos que soportaba, máis aló de poñer recursos e soportar custes "non quedaba cos beneficios".
Cara a un tecido industrial "forte" no sector
O proceso que agora se abre até 2012 inclúe así a adxudicación de 2.325 megavatios. O Goberno calcula que arredor se vai xerar un investimento de case 5.500 millóns de euros, o 75% en Galiza, e que fará posíbel crear perto de 3.000 empregos. Con eses números, Galiza pasaría a liderar o sector eólico a nivel estatal e converteríase de feito na sexta potencia mundial, con 6.500 MW instalados.
En palabras de Anxo Quintana, a viraxe "aposta por unha política eólica socialmente máis responsábel na que, por riba dunha perspectiva estritamente produtivista o Goberno antepón o uso responsábel e sustentábel dos nosos recursos enerxéticos”. Quintana destacou que por vez primeira se deseñe unha política enerxética "en clave de país" para que "non sexan outros os que se enriquecen á nosa costa”.
No mesmo sentido, destacou os beneficios que o novo procedemento garantirá para a creación dun "sector industrial forte" no ámbito eólico. A Xunta confía en que arredor dos proxectos se articule unha rede industrial "xeradora de riqueza e emprego", potenciando ademais "as posibilidades de xerar I+D no eido das renovábeis no país".